Dous certames fotográficos e unha xornada lúdico-formativa para pór en valor a creatividade emprendedora

CreaGaiás 2019
Santiago de Compostela, 14 de Marzo de 2019

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura organiza unha nova edición de CreaGaiás, co obxectivo de darlle visibilidade e pór de relevo o traballo das persoas emprendedoras do sector cultural e creativo. Dous certames de fotografía co emprendemento como eixe e unha xornada lúdico-formativa programada para o vindeiro 11 de abril compoñen o programa desta iniciativa promovida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a empresa de xestión cultural Correveydile.

Así, xa a partir de hoxe está aberta a inscrición para participar no certame de reportaxes fotográficas CreaGaiás7x7, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais, emprendedores e coworkers, ou público xeral con interese na fotografía e nas artes visuais. A reportaxe a presentar a concurso consistirá nunha serie de sete imaxes que retraten a actividade emprendedora e creadora nun centro de coworking, debendo reflectir o propio espazo de traballo do Centro de Emprendemento do Gaiás, a súa actividade, servizos, dinámicas, o día a día dos e das súas integrantes, así como os particulares condicionantes do traballo emprendedor. A reportaxe gañadora será galardoada cun premio dotado con 1.200€. Para participar cómpre inscribirse ata o 24 de marzo en cidadedacultura.gal.

Ademais, a través da rede social Instagram lánzase un concurso dirixido a instagrammers de toda Galicia que os anima a publicar todo tipo de fotografías relacionadas coa temática do emprendemento, entre as que a mellor será premiada con 300€. Ambos galardóns estarán outorgados por un xurado especializado composto por profesionais da fotografía, e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.

Talleres, música, faladoiros e un mercado de emprendemento creativo

A actividade central de CreaGaiás será unha xornada lúdico-formativa especialmente dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado no emprego da imaxe na contorna dixital ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento no Gaiás, que desde a súa creación apoiou xa a uns 400 proxectos. A xornada, que se desenvolverá a partir das 16h, inclúe un mercado creativo das empresas e persoas emprendedoras residentes no Coworking e Viveiro do Gaiás e dous obradoiros –sobre fotografía con teléfonos móbiles e ioga e hixiene postural no entorno profesional–. Completan o programa un faladoiro e concerto acústico do dúo xixonés Pauline en la Playa, que esta primavera lanzará un novo traballo discográfico; unha sesión DJ e unha zona de networking e foodtrucks. A asistencia é libre e de balde ata completar capacidade.

Emprendemento na Cidade da Cultura

CreaGaiás é un proxecto organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, a través do seu Centro de Emprendemento Creativo, e a empresa de xestión cultural Correveydile. Conta ademais coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e as empresas Daveiga e Bodegas Lodeiros. Pódese consultar máis información no web www.cidadedacultura.gal.

Na súa segunda edición, CreaGaiás volve sumarse á programación da Cidade da Cultura arredor ao emprendemento no eido das industrias culturais, campo que, xunto coa tecnoloxía e a cultura, é un dos tres eixes nos que opera o Gaiás. O seu Centro de Emprendemento ofrece un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Vodafone, desenvolven proxectos de apoio a start-up galegas. O CEM ofrece un programa de titoría e acompañamento na posta en marcha de modelos de negocio, maduración de ideas empresariais, asesoría financeira, networking e showrooms.

Máis aló dos recursos dirixidos aos emprendedores/as con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás desenvolve cada ano unha ampla programación que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, xa sexa a través de accións formativas ou eventos como Atlantic Emprende +Gaiás –encontro profesional arredor do sector musical que se celebra o vindeiro 30 de marzo– ou os Premios Gaiás Sixto Seco –que levan xa seis edicións premiando os mellores proxectos emprendedores–.

 
Unha das imaxes gañadoras da primeira edición de CreaGaiás7x7
Unha das imaxes gañadoras da primeira edición de CreaGaiás7x7
Unha das imaxes gañadoras da primeira edición de CreaGaiás7x7