A década de 'Xuventude Crea', no Gaiás

Santiago de Compostela, 30 de Decembro de 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado exhibe na Sala Eisenman da Cidade da Cultura as obras premiadas no programa Xuventude Crea durante os seus dez anos de existencia. Desde o 19 de decembro e ata o 7 de xaneiro recuperaranse as creacións das mozas e mozos nas especialidades de artes plásticas, deseño de xoias e fotografía.

Esta iniciativa naceu no ano 2010 co obxectivo poñer en valor o talento, a creatividade e a innovación da xente nova en distintas especialidades. Durante estes anos premiouse a un total de 401 mozas e mozos e outorgáronse 50 mencións de honra en diferentes categorías: artes plásticas, banda deseñada, cociña, fotografía, graffiti, música, poesía, relato breve, danza moderna, videocreación, teatro, deseño de xoias e moda.

Para o seu desenvolvemento a Xunta de Galicia investiu un total de 950.000 euros. Os participantes optaron a premios en cada unha das categorías de 3000 euros no caso dos gañadores, 1500 euros para os segundos e 1000 euros para os terceiros clasificados.

Obras expostas

En concreto, esta exposición reúne as creacións do 2010 de Eva Soto Grande, de Cambados, que acadou o primeiro premio na categoría de deseño de xoias pola súa colección A xoia do coleccionista; e de Miguel Cuba Taboada, de Vigo, que na categoría de artes plásticas gañou o primeiro posto por Nova Babilonia.

Tamén terán espazo os gañadores nas categorías de deseño de xoias e artes plásticas do ano 2012. Neste caso foron para Paula García, de Pontevedra, por Había unha vez un circo; e o premio compartido nas artes plásticas entre Tania Pérez, de Pontevedra, pola súa escultura Dómino vs Dómina e Andrea Valado pola fotografía Serie reminding.

As obras elixidas no 2013 foron as de Marta García, de Santiago, pola súa colección de xoias Pasadío; e Verónica Reboredo, de Cambre, pola súa fotografía Icons. O seguinte ano, o 2014, foi premiado Alberto Blanco, de Ourense, polas súas xoias Orografía; e Lara Díaz, da Coruña, pola súa pintura Deshabitar. Habitación de invitados.

Do 2015 recupéranse as obras de Sonia Fernández, de Oleiros, pola súa colección Migracións, o premio de fotografía repartido entre Breogán Alamancos, de Lugo, por Galiza is different e Alejandro Lorenzana Velasco, da Coruña, por Otro punto de vista; e as obras premiadas en artes plásticas, un galardón tamén repartido entre Ruth de Miguel Díaz, de Lugo, por Habitar, erosión e ruína e Beatriz Sieiro, de Pontevedra, por Sen ti.

Os premiados no ano 2016 foron na especialidade xoias Emma Lichtenstein, de Santiago, pola súa colección Prothesis collection; na categoría fotografía compartírono Aitor Víctor Fernández, de Ourense, con O aniversario e Fátima Seijo, de Teo, por Cristálida; e en artes plásticas, Isabel Pazos, de Santiago, por John Nash.

Tamén se poderán coñecer as obras do 2017, cando gañaron Eva Baqueiro, de Cangas, polas súas xoias Cando a marea baixa...; Marta León, de Vigo, pola súa fotografía Utopía; e Gemma López, de Lugo, por En mesa de mi cuarto soy menos despreciable.

No 2018 os premiados foron Dana Rodríguez, de Soutomaior, por Atómico; Beatriz María Santos, de Cangas, pola súa fotografía Non estar e estar e Sergio Sueiro, de Vigo, tamén pola súa fotografía (O) presión; e en artes plásticas Adrián Penido, de Silleda, pola obra En prácticas.

Por último, tamén se exporán os proxectos gañadores durante este 2019: Sergio Pazos, de Porto do Son, por Mares de prata; Alva Vidal, de Tui, pola súa obra Non estou tola, a miña realidade é diferente á túa, un premio en fotografía que compartiu con Ariadna Silva, da Estrada, con Cartografía do esquecemento; e a pintura de Carlota Álvarez, de Piñor, por A destrución de Adán.