Convocado o #EAN13 para apoiar o traballo de 40 creadores emerxentes

Santiago de Compostela, 03 de Marzo de 2023

A Xunta vén de convocar a XIII edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura – EAN que, co obxectivo de apoiar o talento emerxente, ofrece a 40 novas figuras da creación contemporánea a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que presentar o seu proxecto creativo persoal e compartir coñecementos e aprendizaxes con outros artistas noveis, e tamén consolidados nomes do panorama contemporáneo.

EAN13 estará novamente dirixido por Rafael Doctor, un dos máis recoñecidos nomes da xestión cultural e a arte contemporánea en España cunha dilatada traxectoria como comisario de exposicións, que coordina o Encontro de Artistas Novos desde a súa primeira edición. A iniciativa é hoxe unha das citas imprescindibles da creación contemporánea en España, pola que teñen pasado ao redor de 700 artistas e ao que só na pasada edición se recibiron máis de 260 candidaturas. O encontro enmárcase nos obxectivos do Plan Xeración Cultura da Xunta de Galicia, que ten o intercambio cultural entre as súas liñas de acción para acompañar o momento de expansión e crecemento do sector.

Ademais da estancia en Compostela con todos os gastos cubertos, ofrece aos seleccionados un escaparate no que presentar o seu proxecto artístico persoal e a posibilidade de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk, aposta coa que o Gaiás amosa o seu compromiso co talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional.

Grandes nomes da arte fotográfica

No programa participarán como relatores catro destacados artistas do panorama nacional, que nesta ocasión teñen en común a súa dedicación ao campo da fotografía e o audiovisual. A primeira das conferencias correrá así a cargo de Alberto García-Alix (León, 1956), fotógrafo, creador audiovisual, escritor e editor que ten exhibido en grandes centros de arte como o Museo del Prado, o Reina Sofía, a Maison Européenne de la Photographie en París ou o Museo Casa da Fotografía de Moscova. Ao longo da súa extensa carreira foi galardoado, entre outros recoñecementos, co Premio Nacional de Fotografía, o de PHotoEspaña ou a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes de España.

No encontro participará tamén o recoñecido fotógrafo galego Vari Caramés (Ferrol, 1953), a tamén fotógrafa Estela de Castro (Madrid, 1978), especializada no xénero do retrato que saltou á palestra mediática polo seu traballo como autora dos retratos oficiais da Familia Real en 2020. Completa os relatores desta edición Beatriz Ruibal (Pontevedra, 1969), que conta cun abundante corpo de traballo fotográfico e cinematográfico arredor de temas como a ausencia, a memoria, o esquecemento e a nostalxia.

Os catro súmanse á lista de artistas que participaron neste encontro como relatores, con nomes como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Daniel Canogar, Chelo Matesanz, Abel Azcona, Tono Arias, Ana Esmith (Miss Beige) ou Oliver Laxe, entre outros moitos.

Solicitudes ata o 26 de maio

A participación nesta iniciativa está dirixida a estudantes e/ou graduados en Belas Artes ou outras ensinanzas artísticas e tamén a profesionais que demostren unha traxectoria ou proxecto creativo en calquera disciplina artística, nados entre 1988 e 2005 –ambos inclusive–. Malia todo, para favorecer as aprendizaxes e o diálogo creativo entre artistas de diferentes xeracións, 10 das 40 prazas están abertas a maiores de 35 anos, que deben reunir os mesmos requisitos que as demais persoas candidatas.

As persoas interesadas deben enviar a súa solicitude antes das 14,00 horas do 26 de maio xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org (as bases poden consultarse na web da Cidade da Cultura). O encontro desenvolverase no Gaiás entre o 27 e o 31 de agosto de 2023.