A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de dar continuidade na dirección de Escenas do cambio á coreógrafa e mediadora cultural Kirenia Martínez, que se estreou este ano á fronte do festival de teatro, danza e arte en acción organizado pola Cidade da Cultura na que foi a súa décima edición.
Cun programa que recoñecía o legado dos anteriores directores artísticos do festival, Pablo Fidalgo e Lola Correa, e mantiña a súa esencia transformadora, Kirenia Martínez conseguiu atraer novos públicos a unha cita consolidada como unha das máis relevantes no ámbito da creación escénica contemporánea en Galicia e España. En total, máis dun milleiro de persoas asistiron aos espectáculos na última edición de Escenas do cambio celebrada o pasado mes de maio.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, manifestaron a súa confianza en que o festival continúe a medrar en vindeiras edicións, tanto como plataforma de lanzamento para o talento xurdido en Galicia como na súa conexión coa vangarda escénica internacional.
Bailarina e coreógrafa
Kirenia Martínez (Cuba, 1980) ten unha extensa traxectoria de máis de vinte anos —19 deles residindo en Galicia— como bailarina, coreógrafa e mediadora cultural. É directora da Compañía Kirenia Danza desde 2019 e codirectora da Compañía Entremáns dende 2005. Ademais do festival Escenas do cambio, exerce tamén de codirectora do festival Quincegotas da Coruña e dirixe o festival Danzar o Camiño dende o 2021, ademais de coordinar o proxecto de Mediación Cultural do Teatro Rosalía de Castro (2023).
