Concerto de Uxía homenaxe a Novoneyra

Santiago de Compostela, 22 de Setembro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia acollerá o sábado 14 de outubro o concerto do último traballo musical da cantante Uxía, en homenaxe ao escritor Uxío Novoneyra, cuxos versos traducidos ao Alfabeto Delfín forman parte da mostra Flor Novoneyra, de Antón Lamazares. Por iso, era obrigada esta actuación, de balde ás 20.30 horas, no Museo Centro Gaiás que, desde o pasado 2 de xuño, acolle esta exposición que supón, en palabras do propio artista lalinense, o seu "testamento pictórico".

Neste concerto, Uxía interpretará os temas deste novo traballo no que viste de música os poemas do escritor do Courel con ecos de muiñeira, ragtime, alalá e reggae. “A poesía de Uxío Novoneyra ten un ritmo interno que a fai moi axeitada para ser cantada”, sostén Uxía, que decidiu colaborar de novo co multi-instrumentalista brasileiro Sérgio Tannus “para que esta visión fose a máis actual e universal posible, colocando o acento na contemporaneidade e musicalidade da súa obra”.

Repertorio Para determinar o repertorio do traballo discográfico Uxía-o, a cantante e Sérgio Tannus escolleron entre o seu poemario o que atoparon, segundo as súas palabras, “máis próximo e familiar”.Deste xeito, en ocasións unen varios poemas, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformado en alalá. Xunto ás novas composicións encóntranse tamén unha adaptación do tema Caen as follas, de Emilio Cao, ou Alalás encadeados, poema inédito incluído no disco de Uxía Meu canto (Fol Música, 2011).

O concerto será a cargo da formación que gravou o disco. Deste xeito, Sergio Tannus (guitarra e viola caipira) acompañará a Uxía, xunto Santi Cribeiro (acordeón) e Isaac Palacín (percusión). A actuación no Museo Centro Gaiás tamén contará coas colaboracións especiais de Ana Isabel Días (arpa clásica), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Quim Farinha (violín).

A exposición Flor Novoneyra que é o xermolo desta actuación tiña previsto clausurarse o 15 de outubro. No entanto, finalmente, amplíase a súa estadía ata o 26 de novembro. A recollida de convites para o concerto Uxía-o pódese facer desde hoxe no Museo Centro Gaiás, de martes a domingo e de 10 a 20 horas.