A Cidade da Cultura convertirase do 11 a 13 de abril no epicentro da World Music a través de Galician Connection, unhas xornadas internacionais ao redor das músicas do mundo coordinadas pola artista Cristina Pato e coa colaboración especial de Paquito D’Rivera, unha das grandes figuras da música cubana, fundador do grupo Irakere con Chucho Valdés e gañador de múltiples Grammys. Xunto a eles estarán figuras punteiras de músicas tradicionais de China, Asia ou Arxentina como Wu Tong, Sadeep Das ou Emilio Solla e destacados representantes da música galega como Anxo Pintos e Guadi Galego, ademáis de directores de festivais internacionais, como o APA de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble da India.
Un programa formativo exclusivo con clases prácticas e encontros “cara a cara” con estes seis grandes mestres da música, foros e debates participativos e un concerto de clausura no Museo de Galicia compoñen a proposta que o Galician Connection dirixe primordialmente a músicos, intérpretes, docentes e estudosos do panorama musical profesional.
O evento foi presentado na Cidade da Cultura de Galicia polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e Cristina Pato. “Ao longo de tres días, o Gaiás reunirá a músicos galegos e doutras latitudes para establecer un diálogo cultural creativa a través da música”, afirmou Xesús Vázquez. Cristina Pato, pola súa banda, definiu Galician Connection coma un espazo creado para a interacción cultural a través da música. “É un evento que pretende establecer relacións entre diferentes tradicións galegas e a World Music a través dun conxunto de actividades que busca favorecer a evolución e avance da música galega cara a unha maior proxección internacional”, afirmou.
Compartindo experiencias nestas xornadas estará un dos máximos expoñentes da cultura tradicional chinesa, líder da primeira banda de rock en soar na televisión nacional e posuidor de varios Grammys, Wu Tong; o discípulo de Ravi Shankar e mestre de táboa india Sandeep Das e; unha das figuras máis influíntes dentro do “tango-jazz”, o arxentino Emilio Solla; ademais do músico, arranxista e compositor de jazz cubano Paquito D’Rivera e os ex membros de Berrogüeto, Anxo Pintos e Guadi Galego como representantes da cultura musical galega.
Os amantes da música que se inscriban en Galician Connection participarán nun programa de formación exclusivo impartido por estes seis mestres, que inclúe foros de debate ao redor da World Music, asistencia a ensaios e clases prácticas onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns, e encontros "cara a cara", onde cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal.
Ademais, Galician Connection reserva a mañá do venres 13 de abril para que todos eles poidan achegarse á figura dun músico único como é Paquito D’Rivera, nunha sesión que misturará clase maxistral, diálogo musical e encontro informal.
As prazas para participar en Galician Connection están limitadas a 40 a un prezo de 70 euros, 50 para estudantes. Para realizar a inscrición é preciso entrar, a partir de hoxe mesmo, en www.cidadedacultura.org e cubrir o formulario online dispoñible.
Un foro sobre World Music dende a programación
Galician Connection conta, ademais, con dúas actividades que se abren ao público non inscrito: o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible, no que se abordará a World Music dende o punto de vista da programación e a busca de novos mercados, e o concerto de clausura no Museo de Galicia.
Da man de responsables de festivais como o APA de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble da India, o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible abordará as estratexias de posicionamento da música galega no mercado internacional, a elaboración das programacións dos eventos de prestixio ou modelos e experiencias de programación sostibles. As personas non inscritas no Galician Connection que desexeen asistir a este foro (11 de abril / 19 horas) poden comprar a súa entrada en www.cidadedacultura.org. O custe é de 10 euros.
O Museo de Galicia estrearase como escenario para concertos acollendo a actuación de clausura do Galician Connecion a cargo dos seis músicos convidados e da propia Cristina Pato, que interpretarán un repertorio formado por pezas de cada unha das tradicións culturais que representan. As entradas para a asistir ao concerto de clausura poderán mercarse proximamente en www.servinova.com a un prezo de 12 euros.