A Cidade da Cultura convoca a escritores inéditos de Galicia para participar na segunda Residencia Literaria do Gaiás

Santiago de Compostela, 22 de Febreiro de 2022

A Xunta vén de lanzar a segunda edición da Residencia Literaria da Cidade da Cultura para apoiar o e acompañar a autoras e autores inéditos no desenvolvemento dos seus proxectos literarios. Baixo a dirección do escritor Javier Peña, a residencia convoca o talento emerxente de Galicia para compartir espazo, tempo e aprendizaxes con dúas figuras recoñecidas das letras actuais, Marta Sanz e Ledicia Costas, durante dúas semanas de estadía no Gaiás.

O diálogo, a escoita, a lectura e a posta en común son as bases dunha iniciativa que conxuga o traballo individual coa análise das propostas das compañeiras e compañeiros. Con esta premisa, a Residencia Literaria crea un espazo distendido de confianza e respecto mutuo no que compartir consellos, críticas e eloxios para axudar ao crecemento literario e persoal das persoas participantes. 

Tras a boa acollida da primeira edición, á que se presentaron un total de 30 candidaturas, a Xunta e a Cidade da Cultura renovan o seu chamamento para todas aquelas persoas que aspiran a facerse un oco nas editoriais e a perfeccionar a súa escrita. A Residencia Literaria amplía e consolida unha liña de traballo iniciada co Obradoiro de Novela Cidade da Cultura en 2019, a través da cal se apoiou xa a medio centenar de persoas. Poderán presentarse a esta nova convocatoria persoas nadas ou residentes en Galicia que queiran desenvolver ou mellorar un proxecto de narrativa, en galego ou castelán. Haberá 10 prazas en total das cales oito estarán reservadas a persoas de ata 35 anos de idade.

Canda elas participarán na Residencia Literaria as escritoras Ledicia Costas e Marta Sanz, ambas autoras destacadas no panorama literario galego e español. Recoñecida especialmente polas súas novelas dirixidas ao público infantil e xuvenil, Ledicia Costas ten conquistado desde Galicia o mercado internacional coas súas historias de meigas, pantasmas e mortos. Entre elas destaca Escarlatina, a cociñeira defunta, novela traducida ao castelán, o coreano, o persa, o catalán e o portugués coa que gañou o Premio Merlín e Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil en 2015; Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta —Premio Lazarillo de creación literaria 2015 e traducida ao italiano— ou A balada dos unicornios, tamén gañadora do Premio Lazarillo en 2017 e traducida ao romanés. En 2019 publicou Infamia, novela cunha gran recepción entre o público adulto, e no 2021 vén de publicar a súa segunda novela para adultos, Golpes de luz.

Marta Sanz ten publicado novelas, contos, ensaios e poemas nos que se adentra, desde a literatura íntima, a novela negra ou a reflexión máis intelectual, en cuestións de actualidade e relevancia social como as desigualdades, as violencias ou os roles de xénero. Entre as súas novelas sobresaen Susana y los viejos (finalista do Premio Nadal 2006), Daniela Astor y la caja negra (premios Tigre Juan, Cálamo-Otra mirada e Estado Crítico), Farándula (Premio Herralde 2016), a triloxía do detective Arturo Zarco —Black, black, black, Un buen detective no se casa jamás e pequeñas mujeres rojas, Premio Tenerife Noir 2020— e a máis recente Parte de mí, que recolle o diario que a escritora foi compartindo a través de Instagram no primeiro ano da pandemia. Destacan tamén os seus ensaios No tan incendiario, Monstruas y centauras —Premio CEGAL 2018— e Enciclopedia Secreta. A súa poesía completa será publicada este ano baixo o título Corpórea.

Inscricións ata 22 de marzo

Na Residencia Literaria teñen cabida novelas de ficción, novelas de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos, ben sexan obras por completar, ben rematadas pero aínda non publicadas. 

As persoas seleccionadas beneficiaranse dun programa intensivo e gratuíto de actividades que decorrerá do 4 ao 16 de xullo no Gaiás, e que se complementará con visitas a institucións culturais e a participación en eventos ligados ao mundo do libro e á literatura. O aloxamento, almorzos e comidas correrán a cargo da organización. 

Programa REGA 2022

A Residencia Literaria Cidade da Cultura enmárcase no programa Residencias artísticas do Gaiás (REGA), que ofrece tempo, espazos, equipos técnicos e unha ampla rede de alianzas para que creadoras e creadores de dentro e fóra de Galicia desenvolvan os seus proxectos no Gaiás. Propostas de vangarda vencelladas coa música, a escena, a danza, as artes performativas e audiovisuais, a literatura, a creación dixital e os videoxogos abrollan e medran grazas a este programa e á colaboración con institucións e colectivos para fortalecer o ecosistema cultural desde a Cidade da Cultura.