A Cidade da Cultura acollerá en 2014 o WOMEX, a principal feira de "world music" do mundo

WOMEX
Santiago de Compostela, 13 de Outubro de 2012

Tras dous anos de traballo, a Xunta de Galicia e o consello de Santiago veñen de conseguir que a candidatura de Compostela albergue en 2014 o Womex, un acontecemento internacional fundamental dentro das denominadas “World Music”. Trátase dun evento que atrae máis de 2.500 profesionais acreditados (principalmente programadores culturais) e máis de 300 artistas. A feira estará integrada por máis de 300 stands e varios escenarios simultáneos para actuacións en vivo, e estimase que suporá unha importante fonte de ingresos para a sociedade galega. Non só durante a semana do certame senón durante os dous anos que aínda faltan para a súa celebración, tendo en conta a proxección internacional que a imaxe da Cidade da Cultura e da marca Galicia van ter nos circuitos profesionais da cultura e da música de todo o mundo.

Nese sentido, e tendo en conta as repercusión desde evento nas súas anteriores dazasete edicións, compre salientar que a realización deste evento en Galicia impulsará a imaxe exterior e a internacionalización da cultura galega. A Consellería de Cultura, Educación e Turismo -a través de AGADIC e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia- e o Concello de Santiago de Compostela, que promoveron a candidatura, destacan a relevancia desta decisión, lembrando que a organización dun evento destas dimensións suporá un pulo moi significativo ás industrias culturais galegas. Compre lembrar que o plan estratéxico do Gaiás, aprobado en xuño deste ano polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, establece como obxectivo prioritario a internacionalización da cultura galega e converter o Gaiás nun espazo que promova o intercambio entre Galicia e o mundo, unha conexión que é a mellor garantía de saúde da nosa cultura.

A consellería de Cultura, Educación e O. Universitaria considera que coa realización do Womex en 2014 conseguiráse que a Cidade da Cultura de Galicia e toda a cultura galega se convertan nunha plataforma -que será visitada por milleiros de persoas-, para actualizar, ampliar e difundir unha actividade creativa sustentada na nosa identidade e en constante diálogo cos valores universais e contemporáneos. A consellería entende, ademais, que a decisión adoptada onte en Tesalónica (Grecia), de aceptar a candidatura de Compostela, é un premio e un recoñecemento, pero tamén un estímulo, ao traballo desenvolvido por todos os implicados neste evento.

WOMEX, que precisamente este ano se celebra en Tesalónica e o próximo en Cardiff (Gales, Reino Unido), suporá a organización dun amplo programa musical con multitude de espectáculo e concertos dalgunhas das bandas máis potentes do panorama internacional de world music.

Cidade da Cultura – Womex day

WOMEX elixiu para a celebración da feira comercial as instalacións da Cidade da Cultura de Galicia, onde terá lugar o que se denomina WOMEX Day, que inclúe tamén conferencias, exhibicións, coloquios ou encontros profesionais, A multitude de concertos e espectáculos asociados a este evento (WOMEX night) terán lugar nas prazas e rúas do casco histórico da capital galega, cedidas polo concello compostelán. O evento terá do 22 ao 26 de outubro de 2014. A elección é froito de varios anos de traballo, e prodúcese despois de diferentes reunións cos responsables da feira para promocionar a candidatura da capital galega. Este proceso comezou a tomar forma despois de que en agosto de 2011, os responsables do Womex visitaran Santiago e a Cidade da Cultura e comprobaran que Compostela era o lugar ideal para celebrar a 20 edición desta feira internacional.

A organización de WOMEX destaca na comunicación da súa decisión o carácter cosmopolita de Compostela, meta do Camiño, a súa condición de Patrimonio da Humanidade e Capital Europea da Cultura. Do mesmo xeito, louba a beleza “espectacular” da Cidade da Cultura de Galicia, “obra mestre do arquitecto Peter Eisenman”.

A directora de Produción de WOMEX, Daniel Teuber, asegurou: “Estamos desexando celebrar WOMEX en Santiago de Compostela no 2014. As complexas esixencias dos diversos eventos da feira e dos 2.500 delegados axústanse perfectamente a esta cidade acolledora e hospitalaria, que vén recibindo viaxeiros e peregrinos durante séculos”.

WOMEX apunta tamén a importante presenza que a música e os artistas galegos tiveron nas súas edicións anteriores, lembrando nomes como Cristina Pato, Budiño, Berrogüetto, Mercedes Peón, Narf, Marful ou Mutenrohi.

A elección da Cidade da Cultura de Galicia para acoller unha das feiras de industrias culturais máis potentes do panorama internacional supón un aval a esta nova infraestrutura no seu compromiso de converterse nunha ferramenta para dinamizar e internacionalizar o tecido cultural galego, unha das prioridades sinaladas no Plan Gaiás.

A importante repercusión deste evento suporá un fortalecemento de Santiago de Compostela e do Gaiás como polos de atracción turística, afianzándose como una referencia do turismo profesional e contribuíndo a manter os niveis de visitantes fora de temporada alta.

A Consellería de Cultura e Educación, a través de AGADIC e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, xunto ao Concello de Santiago de Compostela estarán presentes este ano no WOMEX 2012 en Tesalónica, que comezará o próximo mércores e rematará o domingo 21. Nesta edición levarase a cabo o próximo venres un acto de presentación oficial de Santiago como sede do WOMEX 2014, acto ao que asistir o director de AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero

Womex en cifras

Ao longo da súas 17 edicións, WOMEX ten medrado ata converterse no primeiro mercado profesional para a world music. Apodado “o Cannes da musica mundial”, na súa última edición congregou a 2.500 delegados, a 1.250 compañías de 98 países diferentes, entre as que se atopan 500 selos e distribuidoras discográficas, 700 promotores de concertos, 600 managers, 250 productores e más de 400 medios de comunicación acreditados que garanten unha repercusión mediática internacional. No seu programa inclúense ata 60 concertos con 320 artistas de 52 países diferentes. Ademais, WOMEX é tamén un espazo para a reflexión sobre as novas tendencias no mundo da world music, con 20 conferencias previstas.

Dende o ano 1994, WOMEX tense celebrado en cidades como Berlín, Bruxelas, Marsella, Estocolmo, Rotterdan, Essen, Newscatle ou Copenhague. Santiago será a segunda cidade española en acoller esta feira, xunto con Sevilla.