A Cidade da Cultura abre un novo espazo de restauración no Museo Gaiás

Santiago de Compostela, 15 de Xaneiro de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia amplía desde hoxe a oferta gastronómica das súas instalacións coa apertura dun novo restaurante-cafetería no Museo Centro Gaiás. Este novo servizo vén sumarse aos espazos de restauración actualmente en funcionamento: A Cantina do Gaiás –situada no edificio do Centro de Emprendemento– e a cafetería O Roupeiro –no edificio CINC–.

A ampliación obedece á necesidade de atender o incremento de traballadores na Cidade da Cultura –que superan xa as 600 persoas– así como a afluencia de visitantes que participan no programa cultural desenvolvido pola Fundación Cidade da Cultura e nos eventos externos que acollen as súas instalacións, que suman no seu conxunto unha media de 600 actividades anuais.

Este novo espazo de restauración estará aberto de luns a domingo en horario de 8,00 a 20,00 horas no andar 0 do Museo Centro Gaiás e contará con dúas terrazas: unha exterior e outra interior, situada no Hall de Tirantes do propio museo.

Maior oferta gastronómica

A proposta gastronómica da nova cafetería-restaurante contribuirá a diversificar a oferta do complexo, dando resposta aos diferentes perfís de persoas presentes na Cidade da Cultura, desde turistas interesados na gastronomía galega ata os traballadores que acoden cada día ao seu posto.

Ademais da observación das normativas e do cumprimento dos estándares de profesionalidade, o novo servizo –adxudicado polo procedemento de licitación pública–, procurará atender a criterios de alimentación saudable, a base de produtos de proximidade, e de promoción da gastronomía de Galicia. Proponse ademais o obxectivo de ofrecer opcións gastronómicas a prezos accesibles, acordes coa natureza dunha institución concibida para o uso do conxunto da cidadanía.