A Carreira Camiño das Letras réndelle tributo a Antonio Fraguas o 17 de maio no Gaiás

Santiago de Compostela, 03 de Maio de 2019

A  VI Carreira Camiño das Letras renderalle tributo a Antonio Fraguas Fraguas, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, o propio 17 de maio na Cidade da Cultura de Galicia. A Consellería de Cultura e Turismo, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e no seu director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe pola mañá na rolda de prensa de presentación deste evento deportivo que, en palabras do director xeral, “populariza como poucos a celebración do día grande das nosas letras, sácao á rúa e convérteo nun elemento de socialización, xa que consegue atraer tanto a aquela interesada pola literatura galega como a outra que poida achegarse a ela por medio desta iniciativa”.

“Unha actividade na que se conxugan dous elementos que, a pesar de casaren moi ben, non sempre camiñan da man: primeiro, o deporte; segundo, a cultura, a cultura galega, e esta, de dúas maneiras. Por unha banda, a través da lingua propia de Galicia, máximo expoñente dela; por outra, a través do Camiño de Santiago, un ingrediente fundamental na configuración de Galicia, e mesmo de España e de Europa”, abondou Anxo M. Lorenzo.

Participaron tamén na presentación a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; Carolina Martínez, sobriña-neta de Antonio Fraguas; a vicepresidenta da Fundación Antonio Fraguas, Concha Losada; a responsable de Xurdir, Carmen Vázquez; o director e o padriño da carreira, Iván Sanmartín e Roberto Vilar, respectivamente; o deportista Pedro Nimo; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o alcalde de Boqueixón, Manuel F. Munín; e a concelleira de Mocidade, Deportes e Benestar Animal de Santiago, Noa Morales.

Distintas categorías

A nova edición da Carreira Camiño das Letras abrirase cunha proba absoluta desde o Pico Sacro, seguindo a Vía da Prata, ata a Cidade da Cultura e cun circuíto para as categorías inferiores con percorrido polo Gaiás e polo Bosque de Galicia. A inscrición realizarase a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o luns 13 de maio ás 23,59 horas.

Todas as persoas participantes que finalicen a proba de adultos e de menores recibirán como agasallo un libro e mais o diploma Camiño das Letras. A rapazada recibirá tamén unha medalla conmemorativa da carreira.

A entrega de galardóns aos gañadores realizarase ao remate das probas. Recibirán como premio: os tres primeiros clasificados (en mulleres e homes) da proba absoluta, un trofeo deseñado especialmente para a proba e un lote de libros; os tres primeiros clasificados das categorías de pitufo a máster recibirán un lote de libros; e o centro escolar e o club que máis alumnado achegue á proba recibirá un trofeo e un lote de libros.

Máis información no web www.carreirasgalegas.com e no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal