A Biblioteca de Galicia acolle unha xornada de formación de bibliotecarios e bibliotecarias

Santiago de Compostela, 21 de Xuño de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participaron na xornada técnica sobre bibliotecas especializadas e centros de documentación que se está a celebrar hoxe no auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura.

Os obxectivos da xornada pasan por mellorar a formación, non só dos bibliotecarios, senón en xeral dos profesionais que traballan nas institucións da memoria de Galicia, presentándolles outras realidades que se están a desenvolver nalgunhas das principais institucións culturais do noso país. Así mesmo, búscase ofrecerlles a oportunidade de contar coa experiencia dalgunhas das institucións máis importantes como a Biblioteca do Museo do Prado, a Biblioteca do Congreso dos Deputados ou o Centro de documentación de RTVE; e xerar un espazo de debate e intercambio de información que contribúa e enriquecer o traballo individual de cada unha das 100 persoas inscritas na xornada.

Este encontro é o primeiro dos dous que se celebrarán este ano (o segundo terá lugar a finais de ano e versará sobre a RDA -Resource Description and Access-) e conta coa presenza dos seguintes relatores: María Luisa Cuenca (Biblioteca do Museo do Prado), Nuria Pérez (Biblioteca do Museo Reina Sofía), Paz Fernández (Biblioteca- Centro de apoio á investigación Fundación Juan March), Paz García e José Santos (Biblioteca da Real Academia Española), Mario Cottereau (Rede de Bibliotecas e Arquivos do CSIC), Alberto Enrique de Prada (Centro de Documentación e Biblioteca do Instituto de RTVE), Javier Plaza (Biblioteca do Congreso dos Deputados) e Rosario Toril (Centro de documentación do Centro Nacional de Educación Ambiental).

A estrutura desta xornada configurouse para ter tamén a oportunidade de dar a coñecer algunhas das principais bibliotecas especializadas e centros de documentación da nosa comunidade autónoma. Así, como introdución a cada un dos relatores citados, seleccionáronse intervencións a cargo das bibliotecas de centros galegos como o CGAC, o Museo de Belas Artes, a Fundación Barrié, a Misión Biolóxica de Galicia, o Instituto de Investigacións Mariñas, a Real Academia Galega, o Parlamento de Galicia, así como o servizo de documentación da CRTVG e o centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga- CEIDA.