A arte emerxente volve ao Gaiás no #EAN12, que reúne a 40 creadores de dentro e fóra de Galicia

EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 29 de Agosto de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional, e Universidades, Román Rodríguez, deulles esta mañá a benvida aos 40 creadores e creadoras que participan estes días no Gaiás na duodécima edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN12, unha cita para apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea.

EAN ofrece a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás –nun foro aberto ao intercambio de ideas, experiencias e procesos creativos– e aprender de artistas consolidados que participan no encontro como relatores. Nesta ocasión cóntase coa presenza do fotógrafo Tono Arias, dos creadores visuais Beatriz Lobo e Miguel Scheroff e da artista multidisciplinar Ana Esmith, coñecida no eido da performance como Miss Beige, nome co que ten colleitado o aplauso de crítica e público.

XII Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura –enmarcándose na programación do Xacobeo 21-22– e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. A apertura deste encontro na Cidade da Cultura contou coa participación, ademais do titular de Cultura do Goberno galego, do presidente da Fundación Banco Sabadell, Miquel Molins; do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

O conselleiro destacou o EAN como “unha das citas de referencia da arte contemporánea da Península, como demostra cada ano o talento das e dos participantes seleccionados, e tamén a traxectoria dun encontro que forma parte da programación do Gaiás desde 2011 e polo que xa teñen pasado máis de 700 artistas”. “Desde os inicios da programación do Gaiás quixemos que este recinto trouxese a Galicia a vangarda cultural, pero tamén abrise unha fiestra de oportunidade para que os creadores galegos compartan co resto do mundo o seu traballo e talento, dous dos eixos que sentan as bases deste encontro desde o seu nacemento”, lembrou. 

Publicación conmemorativa

Con motivo destes 12 anos de traxectoria, nesta edición do EAN vén de presentarse unha completa publicación conmemorativa que percorre máis dunha década de creación contemporánea a través do traballo dos artistas que teñen pasado por esta cita anual. O titular de Cultura do Goberno galego remarcou que esta obra, deseñada polo estudio galego Desescribir, “ofrécenos unha ollada aos primeiros pasos, cheos de beleza e valentía, dos novos creadores e reafírmanos na convicción de que fortalecer o Encontro de Artistas Novos significa apostar pola imaxinación e o futuro”.

Román Rodríguez quixo por último “felicitar ao director do EAN e alma mater do proxecto desde os seus inicios, Rafael Doctor”, así como agradecer a súa colaboración á Fundación Banco Sabadell “polo compromiso e sensibilidade que ten demostrado con esta e outras iniciativas culturais desenvolvidas en Galicia, cun apoio que ten contribuído de xeito decisivo a consolidar esta cita como unha referencia ineludible da creación en España”.

Máis de 700 creadores en 12 edicións

Miquel Molins quixo destacar o compromiso da Fundación Banco Sabadell coa creación contemporánea remarcando “a colaboración con un encontro, o EAN, que entendemos ten todo o sentido, unha iniciativa que representa unha oportunidade única para os artistas emerxentes que comezan unha viaxe, a de dedicarse ao mundo da arte que non é fácil, pero é transformadora”.

Pola súa banda, Rafael Doctor tivo unhas palabras de lembranza para os máis de 700 creadores e creadoras que pasaron xa polo EAN ao longo das súas 12 edicións, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño, Jesús Madriñán ou Nuria Güell, nun momento no que aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Precisamente nesta ocasión, tres destes artistas que participaron no foro nos seus comezos regresan para compartir a súa experiencia como relatores. Será o caso de Ana Esmith –que co seu alter ego Miss Beige se converteu nun dos nomes máis coñecidos da performance nos últimos anos– da artista visual Beatriz Lobo –que desenvolve o seu traballo entre a pintura, a escultura, a serigrafía e o deseño, e tamén participou en 2018 no Gaiás no ciclo Reb/veladas na paisaxe– e o artista plástico Miguel Scheroff –cun traballo que reflexiona sobre temas como o conflito e o desencanto vital servíndose de iconas da pintura clásica ou da cultura millennial e que xa ten exposto en lugares como os Estados Unidos, Suíza, Alemaña, China, Italia, Marrocos ou México–.

Completa a nómina de relatores desta edición Tono Arias, cunha longa traxectoria na fotografía de prensa, documental, publicitaria, industrial ou arquitectónica, e impulsor do proxecto Dispara, un espazo web e físico con vocación periférica sito na Estrada (Pontevedra), destinado a servir de punto de encontro entre autores.

Catro días de convivencia no Gaiás

Ata o vindeiro xoves, os artistas emerxentes participantes no EAN12 poderán darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. O Encontro rematará o xoves 1 de setembro coa inauguración da proposta gañadora na edición de 2021 do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, un traballo que leva por título A porta aberta, da artista galega Lúa Gándara.

 
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes
EAN12 | Fotos: Rocío Cibes