Arranca 'Viraxes' coa versión en galego de Carmina Burana interpretada por máis de 150 artistas

'En concerto con Carmina Burana' no ciclo Viraxes. Foto: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 22 de Setembro de 2019

Carmina Burana soou este sábado en galego no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Foi o primeiro dos tres concertos do ciclo Viraxes, no que as bandas populares lle dan unha volta aos seus repertorios máis tradicionais, mesturando a súa música con xéneros como a clásica, o teatro ou o circo. O espectáculo, con entrada de balde e a participación de máis de 150 artistas, contou coa asistencia do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

O concerto arrancou cun minuto de silencio de todo o auditorio en memoria das tres mulleres asasinadas esta semana en Valga vítimas de violencia machista. Precisamente o espectáculo En concerto con Carmina Burana é un proxecto da Banda de Música Municipal de Valga –dirixida por Manuel Villar Touceda–, na compaña dos solistas Esperanza Mara (soprano), Enrique Alberto Martínez (tenor) e Eliseu Mera (barítono); do coro vigués Gli Appassionati; e do coro de nenos e nenas da Escola de Música Municipal de Valga. Trátase da primeira tradución dos textos medievais íntegros ao galego –realizada Raúl Gómez Pato–coa música orixinal de Carl Orff, nunha versión feita e pensada para o público do século XXI.

En concerto con Carmina Burana foi –ao igual que os demais espectáculos que conforman Viraxes– un dos seleccionados no concurso de proxectos musicais innovadores Innova. Esta convocatoria, promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), tivo o obxectivo de fomentar a experimentación no eido musical.

Dous novos concertos en decembro

Viraxes continuará con dúas novas citas no Museo Gaiás os sábados 7 e 14 de decembro. Por un lado, a Unión de Guláns –unha das bandas máis antigas de Galicia cunha traxectoria que se remonta ao século XIX– interpretará o espectáculo MIB: Músicos in Black, xunto ao grupo de teatro Todos Xuntos. Trátase dun proxecto teatral en clave de humor, nado da colaboración entre ambas formacións artísticas e coa implicación de toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas. Pola súa banda, a Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro representarán Orquestra de malabares, un espectáculo dirixido especialmente a público familiar no que presentarán un abraiante diálogo escénico entre a banda e seis malabaristas.

 
'En concerto con Carmina Burana' no ciclo Viraxes. Foto: Manuel G. Vicente
'En concerto con Carmina Burana' no ciclo Viraxes. Foto: Manuel G. Vicente
'En concerto con Carmina Burana' no ciclo Viraxes. Foto: Manuel G. Vicente
'En concerto con Carmina Burana' no ciclo Viraxes. Foto: Manuel G. Vicente
'En concerto con Carmina Burana' no ciclo Viraxes. Foto: Manuel G. Vicente