Arranca o ciclo de concertos gratuítos de “Atardecer no Gaiás” con Juancho Marqués, referente da música urbana

Santiago de Compostela, 05 de Xullo de 2023

Este xoves e venres arrinca o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, con dous concertos de balde que traen a dúas figuras destacadas no panorama musical español. Juancho Marqués, un dos referentes do hip hop estatal, será o encargado de estrear o escenario na Praza central do Gaiás o xoves 6 de xullo a partir das 21,00 horas. Na tardiña do venres, tómalle o relevo a proposta de pop electrónico de Rocío Saiz.

Con máis dunha década de carreira rompendo as barreiras e estereotipos do rap e co seu estilo inconfundible, de ton cálido e temática sentimental, Juancho Marqués presentará no Gaiás Paraíso 39, o seu quinto álbum, que ten un vínculo especial con Galicia. Os temas naceron precisamente durante o confinamento pola covid-19 en 2020, que o madrileño pasou no concello lugués de Viveiro. O nome fai referencia á rúa da vila onde viviu eses meses, dando forma ao disco.

Pola súa banda, a cantante, presentadora e activista Rocío Saiz acode á Cidade da Cultura o venres día 7 de xullo para saldar a súa débeda do ao pasado co público de Atardecer no Gaiás, cando se vira obrigada a cancelar a súa actuación por motivos de saúde. A madrileña está de volta con toda a súa enerxía e ritmos pop que convidan ao baile.

Ambos concertos serán a partir das 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura e con acceso libre e gratuíto. Haberá un servizo especial de bus urbano coa liña C11 ao finalizar as actuacións, con saída ás 22,45 do Gaiás.

As propostas musicais de Atardecer no Gaiás seguen nos meses de xullo e agosto cun total de 18 concertos ao aire libre de estilos que van do punk rock aos ritmos urbanos, o jazz, o soul ou o folk electrónico.

O ciclo, que conta nesta edición co apoio de Cervezas Alhambra, combina algúns dos talentos emerxentes e artistas consolidados máis importantes do panorama galego, español e internacional. O cartel inclúe oito propostas do país: Moura, KYRA, Lontreira, Catuxa Salom, Mariagrep, Madalena Gamalho, así como os artistas novos Faíscas e Xa’lum, premiados no certame Xuventude Crea impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

Canda eles sobresaen nomes como o da estrela do pop español Natalia Lacunza, o rapeiro Bejo ou o punk rock de Biznaga. Dulzaro, Paquesvr e Júlia Colom súmanse ao listado de bandas estatais que poderemos escoitar no Gaiás. Desde Francia, San Salvador trae a súa innovadora proposta de polifonía punk e Ben L'Oncle Soul os ritmos do soul máis actual. O novo jazz da trompetista portuguesa Jéssica Pina completa o elenco internacional dos atardeceres.