Alejandra Sampedro converte as Torres Hejduk no vello faro de Cabo Silleiro a través da intervención artística 'Mar de Crebas'

Santiago de Compostela, 01 de Agosto de 2013

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús vázquez Abad, inaugurou esta tarde no Gaiás a exposición Mar de Crebas, unha intervención da artista emerxente Alejandra Sampedro que ata o 3 de novembro converterá as Torres Hejduk no vello faro de Cabo Silleiro, en Baiona.

A cultura mariñeira, os naufraxios e os mitos ao redor dos monstros mariños rodean esta nova exposición nas Torres Hejduk, espazo aberto á intervención artística polo que xa pasaron artistas consolidados como Pamen Pereira ou Ramón Conde e que, nesta ocasión, ponse á disposición da creación dunha artista emerxente como Alejandra Sampedro.  

Xesús Vázquez Abad destacou a capacidade de Alejandra Sampedro de “conmover a través da súa obra”, ao tempo que gabou a súa valentía para “aceptar o reto que supón intervir nun espazo como as Torres Hejduk do Gaiás”. “Alejandra ofrécenos unha reflexión sobre o esquecemento e os recordos, lembranzas neste caso chegadas do universo desta artista nova pero apegada artística e emocionalmente á forza do Atlántico, do océano que lle deu forma ás pezas que son a base da súa creación”, asegurou o conselleiro.

No acto, o titular de Cultura e Educación estivo acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; pola propia artista e polas  responsables da galería de arte About Art; e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Obra fotográfica e escultórica

Formada por obra fotográfica e escultórica, a intervención Mar de Crebas funciona como unha crítica ao mundo consumista e ao esquecemento, optando por unha actitude de rescate de algo que nun principio foi despoxado de todo valor económico.

As pezas escultóricas –compostas coas crebas ou despoxos que cuspe o mar- xorden como unha masa informe que pretende cobrar vida, mentres que as fotografías son pezas artísticas que funcionan como elementos de localización xeográfica e conceptual.

As redes de cores que cobren as Torres Hejduk emulan o faro vello de Cabo Silleiro, onde o avó da artista traballou como fareiro. Un lugar misterioso, cheo de lendas relacionadas con naufraxios e estraños sucesos, onde as crebas cerámicas e de porcelana chegan desde orixes tan dispares como Alemaña, Francia, Portugal, China ou Galicia, e o mar devolve perfectamente pulidas en multitude de formas e cores.

Conectado co Land Art, o modernismo de Gaudí ou a arte Povera, Mar de Crebas explora a idea de pegada e memoria como resto arqueolóxico. Un acto de resistencia onde pequenos fragmentos esquecidos funcionan como unha posible prolongación do obxecto e do suxeito ao que puidesen pertencer. Crebas que gardan a memoria dunha vida e dunha orixe incerta. 

Restos de naufraxios e despoxos do mar

As esculturas confeccionadas por Alejandra Sampedro para esta intervención artística están formadas por pezas cerámicas, teselas e restos de todo tipo que cuspe o mar na zona do litoral de cabo Silleiro, nun enclave próximo ao vello faro, coñecido polo seu elevado número de naufraxios.

Esta intervención artística é o resultado dun labor realizado de forma sistemática e durante anos por Alejandra Sampedro do que comunmente se coñece en Galicia como “andar ás crebas”: percorrer as praias en busca de restos útiles e que, durante anos, foi unha actividade complementaria da economía litoral.

Alejandra Sampedro, artista emerxente

A pesar da súa curta idade, Alejandra Sampedro (Valencia, 1988) ten a capacidade de conmover a través da súa obra, que destaca pola súa orixinalidade e grande autenticidade. Traballos redondos que abarcan escultura, fotografía e agora tamén intervención urbana. 

Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cursou estudos universitarios de performance, fotografía e pintura con Cristina Fernández Núñez. Completou a súa formación artística co Máster Universitario en Arte Contemporánea, Investigación e Creación (UVigo). Recentemente amplía estudos de escultura con Bárbara Alonso no taller Almart en Madrid.

Seleccionada no Certame Novos Valores 2011 da Deputación de Pontevedra, expuso a súa obra no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (Xullo, 2011). A partir deste momento realizou exposicións na galería Sargadelos de Pontevedra e no Museo de Pontevedra. Desde o ano 2012 é seleccionada pola galería About Art para diversas exposicións colectivas e, individualmente, expón por primeira vez na galería About Art (outubro-decembro 2012) cunha moi boa acollida. 

About Art

A nova intervención artística nas Torres Hejduk conta co comisariado de About Art, galería de arte dirixida por María García e Araceli Torres situada no centro cultural de Pontevedra e que aposta e apoia mediante a promoción, a difusión e a formación, a ate contemporánea. About Art ofrece unha liña ecléctica de calidade artística, contando con pezas únicas, singulares e excepcionais.

Torres Hejduk

As Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia convértense ao longo de 2013 nun lugar de intervención artística, onde diferentes creadores reinterpretan este conxunto escultórico a través da súa obra.

Deseñadas en 1992 polo arquitecto John Hejduk (Nova York, 1929-2000), estaban pensadas para situarse no compostelán parque de Belvís para funcionar como un xardín escultórico-botánico, dando cabida a actividades pedagóxicas. O proxecto non chegou a materializarse e, tras a morte do seu amigo e compañeiro en The New York Five –grupo que mellor representa o espírito do neorracionalismo arquitectónico-, Peter Eisenman decidiu construílas na Cidade da Cultura, converténdose nun dos símbolos do complexo.