Goza das Letras

O 17 de maio, fai unha escapada ao Gaiás e goza Día das Letras galegas con teatro, música, unha mostra bibliográfica e actividades infantís.

Manuel Manquiña será o encargado de recordar a figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas coa lectura do manifesto de Roberto Vidal Bolaño “Teatro do aquí” e a interpretación dunha pasaxe da obra “Días sen gloria” de Vidal Bolaño, estreada neste mes de abril no Salón Teatro baixo a dirección de Fefa Noia.

Tras o teatro, o grupo de música antiga Resonet poralle banda sonora á xornada a través dunha homenaxe a unha das nosas poetisas máis universais: Rosalía de Castro. Con motivo do 150 aniversario da obra Cantares Gallegos, Resonet ofreceralle ao público do Gaiás varias destas cantigas populares publicadas en Vigo o 17 de maio de 1863. Nesta proposta, Resonet toma dos cancioneiros musicais populares as melodías e ritmos das cantigas nas que se inspirou Rosalía e, dun modo subxectivo, poranlle música a algunhas das poesías máis representativas dos Cantares Gallegos como Has de Cantar, Campanas de Bastabales, Adios ríos, adios fontes ou Airiños, airiños aires.

O programa complétase coa exposición "150 anos de Cantares Gallegos" e a actividade infantil "O xogo do Touporroutou" co que os máis pequenos se achegarán á figura de Vidal Bolaño. Unha dobre homenaxe que non podes perderte!

 
 
Letras & Pensamento
 
Convocatoria aberta
Do 9 de abril ao 8 de maio