A Filharmonía de Galicia enche o Gaiás coa música dos países que Castelao percorreu na diáspora e no exilio

Santiago de Compostela, 17 de Xaneiro de 2019

A Cidade da Cultura de Galicia encheuse esta tarde coa música dos países no exilio e na diáspora que marcaron a Castelao, grazas ao concerto ofrecido pola Real Filharmonía de Galicia, dentro das actividades ao redor da exposición Castelao maxistral, que exhibe por vez primeira en Galicia A derradeira leición do mestre, lendario cadro do artista de Rianxo e que xa foi visto no Museo Centro Gaiás por máis de 25.000 persoas.

O concerto Os camiños de Castelao estivo precedido por un encontro con persoas que na actualidade, en condición de refuxiadas ou exiliadas, están a pasar unha situación similar á que viviu Castelao e moitas e moitos dos seus coetáneos co estoupido da Guerra Civil. 

Tanto a actuación como o encontro, realizado en colaboración con Amnistía Internacional, están inxeridos nun programa na que se quería pór o foco na condición de exiliado de Castelao. Ambas actividades espertaron un enorme interese, xa que as 300 entradas que se puxeron á venda para a actuación da RFG esgotáronse en poucos días —o que fixo á Cidade da Cultura decidirse a amplialas a preto dun cento máis— ao igual que o foro coas persoas refuxiadas e exiliadas, que cubriu todas as prazas na mesma semana que se abriu a inscrición, de balde, na páxina web da Cidade da Cultura.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu ao concerto, cuxo repertorio baseouse nunha escolma de temas representativos dos diferentes países que marcaron a vida de Castelao, realizada expresamente polo director titular e artístico da formación, Paul Daniel. O recital tamén contou coa presenza do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e da directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo.

Deste xeito, a través de pezas de E. W. Korngold, Stravinsky ou Piazzolla, os e as asistentes fixeron no Museo Gaiás un percorrido vital do periplo do artista galego desde Rusia, Cuba, os Estados Unidos de América e ata o exilio definitivo en Buenos Aires.

Precisamente, pór o foco no exilio ten un vencello especial coa mostra, xa que A derradeira leición do mestre —homenaxe do artista de Rianxo ao seu amigo e intelectual asasinado, Alexandre Bóveda,— foi pintado nestas circunstancias en Buenos Aires en 1945. Castelao asentouse na capital da Arxentina, tras un periplo por diferentes países que son os que determinan o programa do concerto da Real Filharmonía de Galicia.

Así, en 1938, o intelectual galego realizou unha viaxe á extinguida URSS e, máis tarde, aos Estados Unidos de América e tamén a Cuba. Durante a súa presenza na illa caribeña, Castelao participou activamente nas eleccións do Centro Galego da Habana. A derrota republicana condenouno ao exilio, asentándose en Nova York, primeiro, onde publicou o álbum Milicianos e, posterior e definitivamente, en Buenos Aires (A Arxentina), onde chegou a estrear a súa peza teatral Os vellos non deben namorase.

Encontro con persoas refuxiadas e exiliadas

Precisamente, e tendo en conta o moito que marcou esta saída forzosa de Castelao de Galicia, antes do concerto —e encadrado dentro destas actividades vencelladas á exposición— produciuse un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas na nosa comunidade, grazas á colaboración de Amnistía Internacional.

Este encontro procurou reflectir como na actualidade —fóra das nosas fronteiras pero en múltiples zonas a nivel global—  moitas persoas vense obrigadas ao exilio —tal e como viviu Castelao— pola dureza da complicada situación xeopolítica dos seus países de orixe, vítimas de conflitos bélicos e políticos, especialmente visibles a través do número de persoas refuxiadas e/ou represaliadas.

O encontro foi moderado polo responsable de Relacións Institucionais de Amnistía Internacional en Vigo, Manuel Martínez Barreiro, e formaron parte da mesa: Juan Sosa Madonado, persoa refuxiada proveniente de Oaxaca (México) e Nour Al Hussen, exiliada proveniente de Siria.

Éxito da exposición e das actividades que a arroupan

Tanto a exposición Castelao maxistral como as actividades ao redor da mesma están a ser acollidas con enorme entusiasmo, tal e como demostra o número de visitantes alcanzados polo mostra desde a súa apertura o 5 de outubro —máis de 25.000 persoas—  como o interese que espertan as actividades desenvolvidas ao seu redor ata o momento.

Así, cubríronse todas as prazas nas visita-relatorio que se celebraron nos meses de outubro e novembro e tamén foi todo un éxito de público o recital coa Coral Polifónica de Pontevedra, da que Castelao foi cantor, fundador (1925) e escenógrafo, traendo para a ocasión un pano ornamentando polo propio artista, que contadas ocasións sae do Museo de Pontevedra que o custodia.