Os Seráns do TAC - 2012: Serán Cage

Director | Diego García Rodríguez

Presentador | Diego García / Nicasio Grandaille

Restaurante | Eirado da Leña (Pontevedra)

Este ano 2012 cúmprense 100 anos do nacemento, o 5 de setembro de 1912, do compositor norteamericano John Cage, unha das figuras máis importantes e influentes na cultura do século XX e, posiblemente tamén, unha das figuras menos comprendidas. O TAC quere pechar este segundo ciclo de Seráns cun gran circo musical galego na Cidade da Cultura. 

O Musicircus é un evento multidisciplinar de actuacións independentes de xeito simultáneo, presentado normalmente en espazos non habituais de concertos. Cage quixo plasmar en música as súas ideas sobre a anarquía. O Musicircus é unha obra anti-autoritaria, ata tal medida que non escribiu partitura. Non está nada prescrito sobre que participantes poden tomar parte, nin sobre a duración, nin coordinación ni a dirección. Non hai un centro (evento) dominante. No Musicircus non hai xerarquías. É unha invitación sen directrices: músicos de calquera ámbito son convidados a ocupar un certo espazo durante un certo tempo. O público terá a oportunidade de situar a súa atención ben nun evento individual ou ben na globalidade (ou en calquera punto intermedio).

O primeiro Musicircus foi organizado polo propio Cage en 1967 na Universidade de Illinois, nun espazo dedicado á exposición de gando. Dende entón foi utilizada en moitas ocasións para celebrar concertos restrospectivos da súa música. O TAC quere abrir unha convocatoria a través de internet para invitar a todos os músicos interesados a participar e  facer unha festa musical na Cidade da Cultura.