Luz Casal

Neste Ano da Música, a cantante Luz Casal actuará na Praza da Quintana, con motivo das Festas do Apóstolo, o 22 de xullo, concerto que contará co patrocinio da Cidade da Cultura. Ao día seguinte, 23 de xullo, será o turno de Pontevedra, no marco do novo Festival Internacional das Rías Baixas de Música, Danza e Teatro.

A cantante Luz Casal, natural de Boimorto (A Coruña), mostrou sempre unha vocación inquebrantable de querer dedicarse á música.

Dende a publicación en 1982 de “Luz”, o seu primeiro disco, o público e a crítica recoñeceron a súa profesionalidade e a calidade do seu traballo que, tras éxitos en 1989 con temas como “Loca”, “Te dejé marchar” ou “No me importa nada”, convertérona na solista española por excelencia.

Con “Tacones Lejanos” de Pedro Almodóvar e a interpretación de Luz Casal de “Piensa en mí” e “Un año de amor” márcase un punto de inflexión na carreira dunha artista que abarca todas as facetas e rexistros posibles.

A partir deste momento, a cantante galega alcanza altos niveis de composición producindo 4 discos entre os que destaca “Como la flor prometida” (1995) e o single “Entre mis recuerdos”, chegando a acadar un Goya pola banda sonora de ‘El Bosque animado’.

En 2007, Luz publica “Vida tóxica” como resultado da súa loita contra o cancro e, en 2009, chega o seu duodécimo disco “La Pasión”. Neste traballo, Luz Casal achega ao seu público unha homenaxe ao bolero latinoamericano na expresión máis enraizada da súa orixinalidade. O álbum é unha viaxe ao pasado, onde a artista interpreta os boleros desde a súa orixe, volvendo ao seu afán de pureza.

Entre as distincións ao seu traballo e á súa traxectoria vital, Luz Casal recibiu en 2010 a Medalla Castelao, o título de filla predilecta de Boimorto e a Medalla de Ouro das cidades de Madrid e París. En novembro de 2009 foille outorgada a Medalla das Artes e das Letras de Francia.