A programación do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia incluirá do 23 ao 25 de novembro a cuarta edición en Galicia da Maker Faire, a maior feira de inventores do mundo. A celebración deste evento ten lugar no marco do acordo entre a Fundación Cidade da Cultura e o Concello de Santiago de Compostela para a promoción do Gaiás como un espazo de innovación e creación empresarial no ámbito das industrias creativas.
A Maker Faire volverá ao Museo Centro Gaiás este outono na que xa é a súa cuarta edición, consolidándose como a máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París. Nas súas tres edicións anteriores, o encontro congregou arredor de 30.000 asistentes e medio milleiro de makers que expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa.
“Na base do proceso emprendedor está a capacidade de innovar, e non é posible unha estratexia de innovación sen creatividade”, destacou esta mañá a responsable do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, Berta Álvarez-Buylla, durante a presentación do encontro. “Desde o Centro de Emprendemento temos o obxectivo de crear contornas que favorezan o pensamento creativo e a Maker Faire preséntase como un evento de extraordinario potencial para estimular este tipo de actitudes”, engadiu. O acto contou tamén coa participación da concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, e dos co-organizadores da Maker Faire Galicia, Matilde Rodríguez e Enrique Saavedra.
A maior feira de inventores
Maker Faire Galicia concíbese como un evento para todos os públicos e disciplinas, desde a robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, gastronomía, música, electrónica, artesanía... no que compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais. Ao igual que en 2017, a feira contará con relatores e expositores de referencia a nivel internacional, entre os que destacan como primeiro confirmado o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, creador do primeiro robot humanoide de código aberto.
A cita volve incluír un día enfocado ao sector profesional –o venres 23 de novembro–, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do seu público obxectivo. A fin de semana manterase para o público xeral, cunha programación que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades.
Aberto o prazo de inscrición de proxectos
Dende hoxe está dispoñible no web galicia.makerfaire.com o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 15 de outubro e de todas propostas achegadas farase unha selección de proxectos que se incluirá no programa de actividades baixo criterios de innovación, orixinalidade e interacción co público. Durante o evento, o público poderá votar os mellores proxectos nas diferentes categorías –Maker, Minimaker (nenas e nenos ata 12 anos), Maker Senior (maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc)–.
Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura
A Maker Faire 2018 enmárcase na programación do Centro de Emprendemento do Gaiás, que anualmente desenvolve unha ampla programación dirixida a estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, con accións formativas ou eventos como as xornadas de Innovación Educativa InquEDU ou os Premios Gaiás Sixto Seco, que están a piques de convocar a súa sexta edición para recoñecer e apoiar os mellores proxectos do ámbito cultural. No que vai de 2018, máis dun milleiro de persoas participaron xa nas distintas accións formativas e eventos do Centro de Emprendemento, que incluíron citas como Atlantic Emprende + Gaiás –encontros para emprendedores, profesionais, estudantes e empresas do sector musical– ou CreaGaiás –xornada sobre emprendemento nas industrias creativas e culturais–.

