A cidade da Cultura de Galicia inicia no Womex de Tesalónica a súa promoción como sede en 2014 da máis importante feira de World Music

Santiago de Compostela, 18 de Xaneiro de 2013

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta polo certame internacional para a difusión da música galega desde a Cidade da Cultura e Compostela. O director da Agadic compartiu cos directivos de Womex e da empresa Nordesía a primeira presentación oficial da sede galega. A maior feira especializada en música tradicional e de raíz despraza cada ano unha media de 3.000 persoas entre profesionais e artistas procedentes de 30 países.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciou hoxe en Tesalónica a promoción oficial da Cidade da Cultura como sede en 2014 de Womex, a máis importante feira internacional de world music. O acto, incluído no programa da actual edición do certame que se celebra ata o 21 de outubro na devandita localidade grega, centrouse na comunicación dos valores da música galega tradicional, da Cidade da Cultura como epicentro de intercambio profesional e da zona monumental de Compostela como escenario de múltiples concertos.

A Consellería, que aposta polo certame internacional para a difusión da música galega desde a Cidade da Cultura e Santiago de Compostela, estivo representada polo director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero, quen compartiu a presentación con Daniela Teuber, directora de produción de Womex; e Antonio Martínez, da empresa galega Nordesía.

Cunha recoñecida imaxe de marca, esta feira reunirá en Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro de 2014 a numerosos profesionais do sector. Xunto cos 2.500 delegados acreditados, cada edición congrega ademais uns 450 artistas e técnicos e preto de 400 xornalistas chegados de numerosos países que garanten a repercusión mediática internacional do evento.

Fortalezas da candidatura

O director da Agadic referiuse á potencia musical de Galicia no ámbito da world music, como industria viva e activa, e declarou que Womex é a mellor oportunidade para espallar toda esta creatividade. Citou artistas consagrados que xa pasaron por Womex como Mercedes Peón, Cristina Pato ou Berrogüeto, e alentou á organización do certame a facer en Santiago “un Womex distinto ao que se puido ver nas anteriores edicións”, debido ás especificidades que ofrece Compostela canto á combinación da modernidade da Cidade da Cultura coa zona monumental de Compostela “que é –dixo– unha cidade da cultura en si mesma”.

Pola súa banda, Daniela Teuber detallou a estrutura que se está a planificar para o evento en Compostela. Neste sentido, trasladou aos asistentes que o recinto de mercado, conferencias, showcases de día e proxeccións terán lugar no Gaiás, en tanto que os concertos nocturnos trasladaranse ao centro histórico.

Antonio Martínez afondou na importancia de Womex para o sector da world music a nivel internacional e agradeceu á organización da feira ter aceptado a candidatura de Santiago despois dun proceso de intercambio de ideas e entendemento levado a cabo durante varios anos.

GalicianTunes

A estratexia promocional de Galicia nesta actual décimo oitava edición de Womex articúlase arredor a dous eixos de acción principais. Dunha banda, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic e en coordinación con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), está a empregar a marca GalicianTunes para a promoción conxunta de empresas, artistas e bandas galegas desde un espazo diferenciado dentro do amplo stand de Sounds from Spain, plataforma coordinada polo ICEX (Instituto de Comercio Exterior) e o Ministerio de Cultura que este ano agrupa nove entidades a nivel estatal e autonómico e 14 empresas, entre as que se atopan as galegas A Central Folque, Fol Music e Fisterra.biz.

A través deste punto, situado na zona central do pavillón feiral, estase a distribuír un dobre CD de GalicianTunes cunha selección de 26 temas e cunha especial atención á música de raíz. Ademais e coincidindo co anuncio oficial da celebración de Womex 2014 en Santiago de Compostela, o disco incorpora como imaxe a Cidade da Cultura de Galicia, onde terán lugar as actividades do chamado Day Womex arredor da zona de mercado.

A presenza galega esténdese, así mesmo, ao stand que comparten as entidades socias na organización local de Womex 2014 –a Fundación Cidade da Cultura, o Concello de Santiago e Nordesía– co obxectivo de dar a coñecer o proxecto e a cidade entre todos os profesionais e medios de comunicación acreditados en esta edición.