A Cidade da Cultura de Galicia acolleu o sábado, día 16, o acto de entrega da Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo ao ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor, nun evento ao que asistiron os titulares dos Executivos central e galego, Mariano Rajoy Brey e Alberto Núñez Feijóo, respectivamente, ademais do ministro de Cultura, Íñigo Méndez de Vigo, e da presidenta do Congreso dos Diputados, Ana Pastor.
Este acto tivo lugar tras clausura, na mesma Cidade da Cultura de Galicia, do Simposio Internacional: Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente. Na intervención de peche deste foro, Feijóo afirmou que "na Galicia de hoxe todos os galegos sentímonos herdeiros da súa palabra, da súa obra e do seu sentidiño". "Se España atopa en Adolfo Suárez o líder idóneo para capitanear a Transición, o noso país ten a fortuna de partir cara á democracia con Xerardo Fernández Albor á fronte", asegurou, precisando que "poucos como el souberon interpretar con tanto acerto ese carácter sereno, pero efectivo, dos galegos".
O responsable do Goberno autonómico aproveitou o desenvolvemento do acto para destacar a contribución do ex-presidente "ás tres grandes realidades das que formamos parte como galegos, como españois e como europeos". "En todas elas, lembrou, Albor participa como un home de concordia que contribúe a unificar Europa, a unificar España e a unificar Galicia".
Ademais desa faceta, o titular da Xunta quixo referirse tamén aos valores que van máis aló do político, pero que tamén inflúen na política: “Albor ten o compromiso sanador de calquera bo médico, a mente aberta de todos os europeístas convencidos, o espírito conciliador que caracteriza aos españois que miran máis ao futuro que ao pasado, e tamén ese sentidiño galego que nos fai ser como somos”, concluíu.
