Vodafone Connecting for good Galicia elixe os seis proxectos que formarán parte desta primeira edición

Santiago de Compostela, 07 de Novembro de 2016

O xurado do programa ‘Connecting for Good Galicia’ vén de seleccionar seis proxectos emprendedores de innovación social para formar parte da primeira edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Empleo e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

‘Connecting for Good Galicia’ ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. Desta forma, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuir a resolver os retos recollidos na Agenda Dixital de Galicia 2020. 

Proxectos seleccionados

Nesta primeira convocatoria, o xurado -formado por membros de Amtega, GAIN, IGAPE, Vodafone España e a Fundación Vodafone España- elixiu por unanimidade os seis mellores proxectos de emprendemento de entre as máis de 40 candidaturas recibidas:

  • Insulclock: un dispositivo electrónico que se acopla á pluma de insulina e almacena automaticamente toda información relativa a súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina. Esta solución mellora a calidade de vida das persoas con diabetes, evitando esquecementos e equivocacións grazas ao sistema de alarmas e avisos.
  • Robobo: unha ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas (ex: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Matemáticas) por parte do alumno.
  • MyKeeper: un proxecto que integra dous dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de Alzheimer ou outra demencia: un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador.
  • Phottic: un proxecto de alfabetización de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía, onde os mozos aportan o coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes.
  • PsicoVR: un software desenvolvido para gafas de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, estrés ou pánico.
  • Xesmar: unha aplicación web que permite mellorar a xestión, organización do traballo e acceso á información no colectivo de mariscadores das cofradías de Galicia.

Beneficios de formar parte del programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación duns seis meses, durante os que se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio, e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000€, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.

Ademais, os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por GAIN, e un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha.

Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorpore os Principios de Deseño para Todos e Accesibilidade Universal.