Caxade ponlle música ao Magosto no Gaiás

Caxade en concerto
Santiago de Compostela, 17 de Outubro de 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a gozar dun novo Magosto no Gaiás o vindeiro 19 de novembro, con degustación de castañas da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e a música de Caxade.

O Museo Centro Gaiás será de novo o escenario dun magosto que comezará ás 20 horas, cando suban ao escenario os cociñeiros Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante A Horta do Obradoiro, e Manel Oliveira, da Tapería Castelao. En colaboración coa IXP Castaña de Galicia, os tres elaborarán en directo diferentes tapas con este produto como elemento principal e que poderán ser degustadas polos asistentes.

A demostración dos cociñeiros irá acompañada dunhas breves explicacións dos membros da IXP Castaña de Galicia sobre as características e bondades deste produto propiamente galego. Ademais, e como xa é tradición no Gaiás, haberá un carriño de castañas asadas á entrada que poderán ser degustadas por todo o público.

Segundo traballo de Caxade

Tras a degustación, a música encherá o Museo Centro Gaiás grazas a Caxade, que presentará o seu segundo traballo: ‘E isto é o amor’, un paso adiante no indie-folk singular desta banda, que mantén os seus sinais de identidade combinados con novos matices, máis peso da percusión e inclusión de sintetizadores.

Considerado Mellor Artista nos XIII Premios Opinión, Premio Martín Códax da Música, gañador do "Certame Música Xove" e representante galego no SUNS Europe 2015, Caxade editou en 2013 o seu primeiro traballo discográfico A Dança dos Moscas cun grande éxito de crítica e de público. Dous anos despois (decembro de 2015) saíu á venda o DVD+CD A Dança dos Moscas Ao Vivo gravado coa Banda de Música da Bandeira. Caxade volve agora a deleitarnos coa súa música elegante, modesta e sinxela, e co seu surrealismo post-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico. 

As entradas para o Magosto no Gaiás sairán á venda o vindeiro luns, 17 de outubro, a un prezo de 6€ (7€ en billeteira). A entrada anticipada poderá adquirirse no Museo Centro Gaiás, os puntos de venda físicos de Ataquilla e ataquilla.com (+gastos de xestión). Como en todos os eventos culturais da Cidade da Cultura existen diferentes promocións e descontos para colectivos especiais que se poden consultar en cidadedacultura.gal.