A Fundación Cidade da Cultura dá a coñecer o nome dos corenta creadores seleccionados para participar no VI Encontro de Artistas Novos, que terá lugar do 28 de agosto ao 1 de setembro no Gaiás (consultar .pdf de descarga). O equipo dirixido por Rafael Doctor, director do EAN, destacou a calidade dos proxectos presentados para esta sexta edición, que recibiu un total de 246 solicitudes. Todos aqueles que presentaron o seu proxecto para optar a unha praza neste VI EAN deberán confirmar a súa praza antes do venres 29 de xullo a través do mail encontro@cidadedacultura.org tal e como se indica nas bases.
A Cidade da Cultura acollerá do 28 de agosto ao 1 de setembro a sexta edición do Encontro de Artistas Novos, no que creadores emerxentes convivirán durante unha semana ao redor da arte contemporánea. Este ano, os participantes contarán coa experiencia de artistas consolidados como Alicia Martín, Lino Lago e Ruth Montiel. Xunto a eles, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa, Ángel Calvo Ulloa e Nerea Ubieto serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán de “art followers”.
Este ‘VI Encontro de Artistas Novos’ celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.A maiores, a Cidade da Cultura abre a posibilidade de que un ou varios dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o complexo do Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade. De feito, e por vez primeira, o ‘Encontro de Artistas Novos’ finalizará coa inauguración do proxecto gañador da anterior edición: Homo ludens, de Miguel Benjumea e Román Corbato. A través desta intervención, os dous participantes no V EAN converterán as Torres Hejduk nunha nova paisaxe dedicada ao lecer a través dunha ‘site specific’ na que xogan con dous elementos clave: plástico e aire. Deste xeito, a través dunha arquitectura efémera baseadas en dúas instalacións inchables, ‘Homo ludens’ converterá este espazo arquitectónico nun punto de encontro e socialización.
| 1.13 MB |
