Benvidos ao maior espectáculo do mundo! Cidade Imaxinaria volve ao Gaiás para converterse por un día nun circo xigante onde todo pode suceder: viaxeiros equilibristas, bombeiros malabaristas, pallasos magos, principiantes de trapecistas e ata dj’s perruqueiros se darán cita na praza central da Cidade da Cultura para facer dos soños unha realidade.
O Gaiás celebrará o vindeiro 22 de agosto unha nova edición de Cidade Imaxinaria, un dos clásicos do verán do Gaiás que o ano pasado conseguiu reunir a unhas 12.000 persoas na praza central do complexo deseñado por Peter Eisenman. De 11 a 21 horas, e durante dez horas ininterrompidas, grandes e pequenos poderán volver sentir a maxia do circo nunha quinta edición que recupera a esencia do “maior espectáculo do mundo”.
Esta quinta edición de Cidade Imaxinaria céntrase na máis pura esencia do circo para que nenos e maiores gocen de divertidos e sorprendentes espectáculos ao aire libre durante toda unha xornada de xogos e diversión. Ata este fantástico mundo se desprazarán os irmáns Herrerita para aprendernos a xirar o prato, facer malabares ou colgarnos do trapecio; atoparemos aos ananos acrobáticos de Namorado do aire; escacharemos coa risa cos tres aprendices de trapecistas, malabaristas e equilibristas de Vaia circo!; treparemos a un mástil chinés cun viaxeiro no tempo subido nun Sidecar; escaparemos da tola mangueira coa que nos queren regar os Pompiers, e ata descubriremos os trucos de maxia de Les Artuans.
Os espectáculos combinánse con divertidos xogos para todas as idades: desde o Apicirc, onde os máis pequenos da casa construirán o seu propio circo; ata os múltiples e imaxinativos pasatempos do Arriero de juegos e a Árbore dos xogos. Cidade Imaxinara convídanos a converternos en intrépidos peregrinos e superar ata un total de 24 probas para conseguir a nosa credencial Xogando no Camiño e a lucir os máis enxeñosos e divertidos peinados grazas a dúas perruqueiras tolas e un creativo dj en Senta a cabeza.
A cor e a música tampoco poden faltar a esta cita co circo e a fantasía. Por iso, Cidade Imaxinaria contará cos Cock-Tales, divertidos músicos con plumas; coas acrobacias e bailes de Le Cabaret e cunha despedida por todo o alto: o elegant e hipnotizante baile dos Colors.
Servizo de Cantina
Para repoñer forzas, a Cantina do Gaiás contará con servizo de comidas, así como un posto de comida rápida. Para os máis larpeiros, na praza instalaranse postos de xeados, algodón de azucre, doces e flocos de millo, que se poderán tomar na carpa de descanso prevista para retomar folgos.
Visita de balde ao Museo Centro Gaiás
Con motivo da celebración do festival Cidade Imaxinaria, o 22 de agosto a entrada o Museo Centro Gaiás de balde para poder visitar en familia a exposición Camiño. A orixe. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con dúas visitas guiadas ao longo do día: 12:30 e 18:30 horas.
Os que prefiran visitala pola súa conta han de recordar que o Museo Centro Gaiás dispón dunha aplicación para móbiles e tabletas de descarga gratuíta, na que poderán descubrir as historias que se agochan tras as obras de arte.
| 2.84 MB |
