O guitarrista e compositor galego Daniel Minimalia subirá ao escenario do Museo Centro Gaiás o vindeiro 12 de setembro para presentar algúns dos temas do que será o próximo disco, Arenas de luna. A partir das 19 horas e con entrada de balde, o guitarrista ourensán –catalogado pola crítica como o Mike Oldfield español- despregará toda a maxia da súa guitarra en temas como Olas del Sur, single de adianto do seu segundo traballo, que foi rodado xunto a Rosa Cedrón na Cidade da Cultura, onde se estreará o vindeiro 8 de setembro.
O concerto de Daniel Minimalia enmárcase nos últimos días da exposición Auga Doce -que pechará as súas portas o vindeiro 14 de setembro-, polo que os visitantes ao Museo Centro Gaiás, ademais de descubrir a beleza da auga doce a través das obras de artistas do talle de John Constable, David Hockney, Gerhard Richter, Louise Bourgeois, Mario Merz, Martín Chirino ou Chema Madoz; poderán gozar cos sons deste novisimo compositor e guitarrista galego, nominado aos ‘Hollywood Music Awards’, un dos certámenes musicais independientes máis prestixiosos do mundo.
Daniel Minimalia, nado en Vitoria hai 28 anos pero criado en Ourense desde neno, editou en 2012 o seu primeiro traballo en solitario, Cuentos sonoros, co que cativou a crítica especializada e público ao mesmo tempo. Un éxito que espera repetir con este segundo traballo que terá a súa estrea no Gaiás.


