A Xunta despide na Cidade da Cultura este domingo, 29 de novembro, a exposición Voces do Pacífico. Innovación e tradición, que exhibiu por vez primeira en Galicia máis de 200 pezas da colección do British Museum, unha das máis destacadas do mundo de arte e cultura de Oceanía.
A mostra pechará as súas portas tras recibir ao redor de 30.000 visitas e con máis de 3.000 persoas participantes no seu programa de visitas comentadas e didácticas. Ademais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolveu, no marco da exposición, un amplo programa de actividades para mergullarse nesta homenaxe á riqueza, á diversidade e á creatividade dos habitantes de Oceanía, e que incluíron desde un espectáculo de danza tahitiana a unha degustación para descubrir a gastronomía do Pacífico.
Comisariada pola conservadora de Oceanía do British Museum, a doutora Julie Adams, Voces do Pacífico supuxo o primeiro acordo directo entre a Xunta de Galicia e a institución británica, consolidando a proxección internacional da Cidade da Cultura na antesala do Xacobeo 2027.
A mostra permitiu achegar ao público galego obxectos con séculos de historia —como máscaras rituais, esculturas que conectan a vida coa morte, armas cerimoniais ou maquetas de embarcacións— xunto a creacións contemporáneas realizadas nas últimas décadas por artistas oceánicos que reinterpretan as tradicións ancestrais.
Voces do Pacífico estrutúrase en sete ámbitos temáticos que se achegan a diferentes aspectos da arte e as tradicións de Oceanía e que inclúen o tecido, a danza, ou a talla, pero tamén poñen o foco nas tecnoloxías de navegación, ou na innovación e a resiliencia que caracterizaron estas comunidades durante milenios. O discurso establece unha conexión directa con retos globais actuais como o cambio climático, que ameaza de forma crítica a supervivencia de moitas illas de Oceanía debido á subida do nivel do mar.
A exposición chegou a Santiago de Compostela coa colaboración da Fundación ”la Caixa”, tras itinerar a Madrid e Barcelona. O público pode visitala na súa última fin de semana no Museo Centro Gaiás, con entrada de balde e en horario continuado de 10,00 a 20,00 horas.
