O Gaiás acolle unha nova intervención artística que crea unha illa flotante de madeira na lagoa do Xardín Literario

Santiago de Compostela, 26 de Novembro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Cidade da Cultura a intervención escultórica A auga é un intre que aprendeu a quedar, creada polo artista visual Diego Lara para a lagoa do Xardín Literario do Gaiás. Lara inspírase na fugacidade, a permanencia e o vencello entre a natureza e o paso tempo para deseñar unha escultura flotante —unha illa de madeira en forma de espiral— que dialoga co movemento cíclico da auga deste espazo.

O proxecto foi seleccionado como gañador en 2025 da Convocatoria de Intervencións Artísticas en espazos naturais do Gaiás, desenvolvida ao abeiro do Encontro de Artes Novas (EAN) e co apoio da Fundación Banco Sabadell.

O director xeral de Cultura destacou que o proxecto aposte desde a súa propia concepción polo “emprego consciente de materiais orgánicos e locais e de técnicas artesanais de produción”. O representante da Xunta de Galicia salientou ademais a integración paisaxística da instalación nos propios espazos naturais do Gaiás, fomentando unha arte “inclusiva e sen barreiras para todos os públicos”, ao apelar á contemplación do movemento, á escoita da auga e ao diálogo sensorial coa arquitectura e a natureza.

A instalación, que permanecerá na lagoa ata o 2 de maio de 2026, está realizada con madeira autóctona de castiñeiro e empregando técnicas tradicionais de carpintaría náutica. A obra recupera así saberes vencellados á arquitectura popular e á construción naval galega. A produción da mesma foi realizada pola empresa galega Casabio Timber Frame (Salvaterra do Miño), contando coa colaboración de Jaime Pareja Arquitectura no seu proceso de deseño estrutural e adaptación ao terreo.

Diálogo entre patrimonio natural e cultural

A auga é un intre que aprendeu a quedar parte dunha lectura contemporánea do territorio como unha paisaxe híbrida nacida da interacción entre os sistemas naturais e a acción humana. A auga preséntase como materia fundacional e elemento de reflexión sobre a relación das persoas coa súa contorna, buscando activar a conciencia sobre o territorio común como espazo de encontro, memoria e responsabilidade compartida. 

No Xardín Literario do Gaiás, a auga que agroma entre as físgoas da pedra e do terreo converte o lugar nun territorio que convida a deterse, contemplar e escoitar o ruxir da vida que emerxe. No seu movemento cíclico, a escultura flotante camúflase na contorna e revélase como un espello do transcorrer do tempo, que reflicte tanto a fugacidade como a permanencia.

A iniciativa continúa a consolidar a aposta da Cidade da Cultura por levar a arte aos seus espazos exteriores e zonas verdes. Ao longo dos últimos anos, incorporáronse precisamente ao Xardín Literario do Gaiás a pirámide Deixa aquí os medos, da artista Alicia Framis; ou o conxunto escultórico Metáforas: pegadas dun percorrido, de Alexandra R. Rey e Thomas Apostolou, mentres que o Bosque de Galicia sumou intervencións escultóricas de Manolo Paz, Francisco Leiro, Acisclo Manzano e Ramón Conde. 

Diego Lara

Diego Lara (Madrid, 1993) desenvolve unha práctica artística entre o escultórico, o procesual e o natural, investigando os límites do debuxo expandido, as técnicas tradicionais e a materia a través de procesos ligados ao territorio e á memoria ecolóxica, así como materiais orgánicos, escultura, instalación e traballo de campo para explorar formas de coexistencia entre o humano e o non humano. A súa traxectoria conta con premios e bolsas como a residencia de Acción Cultural Española (AC/E) e Domaine de Boisbuchet (Francia, 2025), o Concurso de Intervencións Artísticas do Encontro de Artes Novas (Santiago de Compostela, 2025) ou a XXXVII Edición Circuitos de Artes Plásticas (Madrid, 2026).