Circo no Camiño 2026

A maxia, as acrobacias, o clown e o humor serán os protagonistas da chegada de Circo no Camiño á Cidade da Cultura, que do 3 ao 6 de decembro instalará no Gaiás unha auténtica carpa de circo cunha programación para todos os públicos. A iniciativa reunirá algunhas das propostas máis divertidas e sorprendentes das artes escénicas, nunha oportunidade para gozar en familia de espectáculos que combinan diferentes disciplinas e formatos.

A programación contará coa participación de Troula, Culturactiva Producións e Mago Teto, xunto con outras propostas artísticas. Entre os espectáculos previstos destaca a Gran Gala de Circo no Camiño, unha cita que reunirá diferentes disciplinas circenses, desde as acrobacias e os malabares ata o clown.

A música tamén terá o seu espazo coa actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, mentres que o humor chegará con espectáculos como O Estrano Caso do Dentista da Rúa Brasov e Máis Saaabor. Pola súa banda, o Mago Teto combinará ilusión, música e humor en Galerock & Magic.

Circo no Camiño é unha iniciativa que reúne compañías e produtoras para achegar as artes escénicas a públicos de todas as idades e que, ademais do Gaiás, percorrerá Verín, Lalín e A Estrada durante os meses de novembro e decembro.

Consulta a programación completa e as entradas en circonocamiño.gal.