O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe no Museo Gaiás na apertura da exposición Ser Noutras, que exhibe na Cidade da Cultura máis dunha trintena de obras galegas pertencentes á colección do Museo Reina Sofía, que dialogan co traballo dunha vintena de creadoras galegas que realizaron unha peza inédita ou presentaron unha obra xa existente para este proxecto.
O resultado son medio centenar de obras de 45 artistas dos séculos XX e XXI que configuran un percorrido por “18 conversas creativas” que tecen, segundo remarcou o conselleiro, “un relato colectivo, vivo e interxeracional”. Así, creadores do panorama galego máis actual, como Chelo Matesanz, Xisela Franco, Andrea Costas, Julia Huete, Mar Vicente, Yoseba MP, Pablo Barreiro, ou Lois Patiño —entre outros—, conectan a través do seu traballo con consolidadas figuras como Arturo Souto, Julia Minguillón, Virxilio Viéitez, Berta Cáccamo, José María de Labra, Xurxo Lobato, Francisco Leiro ou Menchu Lamas.
Pintura, escultura, instalación, fotografía ou videoarte sucédense nun discurso expositivo que, explicou López Campos, ofrece unha visión dunha colección de arte, “non como algo estático e inmutable, senón conectada cun proceso artístico activo do que poden nacer obras novas, como as 15 pezas inéditas creadas para esta mostra”.
Un destes diálogos artísticos é o que conecta a pintora Maruja Mallo coa artista visual, escenógrafa e dramaturga Marta Pazos. Isto materialízase nunha grande instalación espacial que, como un gran “teatro visual”, se erixe como o escenario da mostra, propoñendo un percorrido que acubilla todas as pezas exhibidas. Outro destes binomios creativos puido revivirse en directo no recital co que a poeta Yolanda Castaño sumou a súa voz á da artista Loreto Martínez Troncoso, emitida incesantemente a través dunha radio na propia sala da exposición na obra titulada Para mi amigo.
Durante a apertura completouse tamén a instalación performativa Llamar, multiplicar, na que o artista Rodríguez-Méndez convidou a parellas de nais e pais a unha acción na que golpeaban papeis amarelos con lentes graduadas, convertendo este xesto repetido nunha reflexión sobre a comunicación, a experiencia compartida e a multiplicación dos significados, inspirada pola obra do pintor lucense Tino Grandío, Campesino afila guadaña.
Colaboración co Museo Reina Sofía
O acto de apertura contou tamén coa participación da xefa de Relacións Institucionais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Carlota Álvarez Basso; do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e das comisarias da exposición, a directora de Acción Cultural do Gaiás e historiadora da arte, Verónica Santos, e a xestora cultural, historiadora da arte e directora da Fundación Camilo José Cela, Chus Martínez.
Ser Noutras pode visitarse ata o vindeiro 28 de marzo de 2027, tempo durante o programa Gaiás inspira despregará un abano actividades relacionadas coa mostra e dirixidas tanto a público adulto como familiar e escolar. Tratarase de propostas que contarán coa participación de varios dos e das artistas da exposición, e que se achegarán a algúns dos temas presentes na mesma, como a memoria, o feminismo, ou o territorio.
