2ª Residencia ArtLab IGFAE | REGA 2026

A Cidade da Cultura e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro de investigación mixto da USC e a Xunta de Galicia, poñen en marcha a segunda edición das Residencias ArtLab IGFAE, unha iniciativa que conecta arte e ciencia apoiando o desenvolvemento de propostas creativas vinculadas coa investigación no campo da física. O prazo para o envío de propostas está aberto ata o 1 de febreiro de 2027 e poderán participar persoas maiores de 18 anos ou colectivos relacionados co contexto artístico contemporáneo galego.

A 2ª Residencia ArtLab IGFAE está dirixida a proxectos de calquera disciplina artística (pintura, escultura, fotografía, artes en acción, arte sonora, arte dixital ou arte participativa, entre outras) con vontade de reflexionar sobre novos modelos de investigación e as potenciais sinerxías entre arte e ciencia, a través do achegamento ás áreas de investigación do IGFAE e a procura de novos métodos de intercambio e conexión coa sociedade. As candidaturas poderán ser de obras totalmente novas ou unha ampliación dunha obra en curso. O período de residencia será entre o 22 de marzo e o 30 de maio de 2027.

A proposta elixida beneficiarase de:

  • Unha achega de 8.000 euros para o seu desenvolvemento (inclúe honorarios, gastos de produción, viaxes e manutención).
  • Un espazo de traballo no IGFAE durante un período de entre 3 e 8 semanas e posteriormente nos espazos de residencia do Gaiás (de 1 a 3 semanas).
  • Asesoramento científico e artístico por parte do persoal do IFGAE e da Cidade da Cultura.
  • Aloxamento nunha residencia universitaria durante os meses da residencia e nas datas que se puidesen precisar para participar en actos e actividades derivados da mesma.
  • Difusión do proxecto en publicacións e redes do IGFAE e Cidade da Cultura.
  • Exposición na Cidade da Cultura (no último trimestre de 2027).

Prazos e candidaturas

O prazo de candidaturas está aberto ata o 1 de febreiro de 2020 de outubro de 2027. Cada solicitude deberá achegar o formulario de inscrición cuberto e asinado, ademais da seguinte documentación, que deberá enviar por correo electrónico ao enderezo que figura nas bases da convocatoria:

  • Descrición do traballo artístico que se vai realizar (máximo 300 palabras).
  • Breve descrición das expectativas con respecto á colaboración coa comunidade científica, así como os recursos necesarios (máximo 600 palabras).
  • Plan de produción do proxecto, cronograma e estimación de custos desagregados por partidas.
  • Dossier artístico que inclúa proxectos e obras anteriores, cunha breve biografía.