Terremoto é unha proposta que nace nunha necesidade recorrente detectada no contexto artístico galego: a falta de visibilidade e de espazos nos que poder falar dos traballos con tempo e profundidade, máis aló dos formatos habituais vinculados á exposición ou ás institucións. O proxecto de Manuela Pereira, seleccionado na modalidade de investigación e curadoría das Axudas REGA, busca desenvolver un programa audiovisual que dea resposta a esta fenda entre o que está a acontecer nos talleres, procesos e relacións entre artistas e a maneira en que estas prácticas aparecen representadas publicamente.
A base de Terremoto é a conversa. Cada episodio está pensado como un encontro “man a man”, sen formato de entrevista ríxido e sen guión pechado. Trátase de poñer en relación dúas prácticas e deixar que o diálogo se desenvolva de maneira natural, desde o interese, a curiosidade e tamén desde o contraste. Un dos elementos centrais do proxecto é o acceso ao procesos, máis aló da obra final, así como a construción de conversas desde o cruce de eidos: actrices, poetas, creadoras emerxentes, fotógrafas, directoras de cine, produtoras, mediadoras, comisarias ou curadoras. Un enfoque co que se aspira a ampliar e diversificar a chegada a novos públicos.
O proxecto parte dun coñecemento directo do panorama artístico galego contemporáneo, construído a partir do traballo previo de investigación, escritura e contacto continuado coas artistas. A residencia no Gaiás servirá para activar e definir o formato do programa e contará coa colaboración de David Silva (Lalín, 1988), fotógrafo e videógrafo con ampla experiencia no ámbito audiovisual mais o acompañamento de Mar Angosto, técnica da área de Exposicións da Fundación Cidade da Cultura.
Manuela Pereira Enríquez (Lalín, 1988). Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, conta cun Máster en Humanidades, Arte, Literatura e Cultura Contemporánea pola Universitat Oberta de Catalunya. Formou parte da 9ª edición do Programa de Estudos Independentes (PEI) do Museu d’Art Contemporani de Barcelona, centrado en teoría crítica e decolonial e participou en programas de formación e mediación como On Mediation (Universitat de Barcelona) e La mediación en el arte y la cultura (Escola Massana), incorporando á súa práctica ferramentas críticas arredor da mediación cultural, os públicos e os dispositivos de exhibición.
A súa práctica desenvólvese entre contextos institucionais e independentes tanto no ámbito da investigación como da crítica de arte, a programación e a curadoría artística. Na actualidade, é responsable da serie Arte Contemporánea Galega no suplemento Sermos Galiza de Nós Diario. Colabora tamén con Revista Luzes, e con Tempos Novos como responsable da sección de arte.



