A Xunta licita o equipamento do Centro Galego de Artes Dixitais con financiamento da Unión Europea

Santiago de Compostela, 07 de Xullo de 2026

A Xunta acaba de licitar a contratación do equipamento tecnolóxico do futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia na Cidade da Cultura. Cun investimento máximo de 2,6 millóns de euros, este proxecto conta con financiamento da Unión Europea a través de 1,5 millóns de euros procedentes de fondos FEDER. A infraestrutura encara así a súa recta final no Gaiás, co obxectivo de que abra as súas portas ao público no segundo semestre do Xacobeo 2027.

A obtención de investimento comunitario para a adquisición deste equipamento foi posible grazas á colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Fundación Cidade da Cultura. Deste xeito, o financiamento europeo cubrirá o 60% do proxecto, reducíndose significativamente a achega da Xunta, que queda rebaixada a 1 millón de euros.

A través desta contratación, dotarase o centro con tecnoloxía punteira no eido das experiencias inmersivas e de realidade virtual e aumentada, así como instalacións audiovisuais de última xeración. Inclúese, por exemplo, unha gran pantalla perimetral de 75 metros de longo; ou a dotación dunha sala con sistemas de proxección envolvente e son inmersivo, que permitan activar ademais outras sensacións, ou vibración a través de chalecos hápticos.

Trátase dun amplo abano de tecnoloxías dixitais que farán posible ofrecer ao público galego experiencias inmersivas de primeiro nivel e converter o centro nun novo atractivo turístico, pero tamén operar como un catalizador que impulse a innovación cultural e a creación contemporánea.

Infraestrutura de vangarda na creación dixital

O Centro Galego de Artes Dixitais representa a primeira e única infraestrutura desta natureza coa que contará Galicia, situando así a nosa Comunidade nunha posición de liderado no eido da creación dixital en España. Para a súa materialización non foi necesaria a construción dun edificio novo xa que a Xunta de Galicia adaptou un espazo xa existente e en desuso na Cidade da Cultura, os aparcadoiros subterráneos do que inicialmente ía ser o Teatro da Música —un dos edificios non rematados do proxecto orixinal do Gaiás—.

En decembro rematáronse os traballos de adecuación do espazo e actualmente estanse a levar a cabo as derradeiras actuacións para finalizar a cuberta e o acondicionamento exterior, asegurando unha integración coa arquitectura singular do complexo.