O Carlangas máis rockeiro inaugura este xoves os concertos ao aire libre de ‘Atardecer no Gaiás’

Santiago de Compostela, 30 de Xuño de 2026

Este xoves 2 de xullo comeza con Carlangas unha nova edición de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos gratuítos ao aire libre organizados pola Xunta de Galicia. O ex-líder e vocalista de Novedades Carminha chega a Santiago para presentar o seu terceiro traballo en solitario, Universo Paralelo, un disco no que recupera as guitarras e o seu son máis rockeiro e no que destacan as colaboración con artistas como Leiva e Dear Joanne.

A actuación adiántase ás 20,00 horas por decisión do propio Carlangas, que aspira a reunir na cidade onde medrou o maior número de fans posible. O acceso ao concerto é libre e de balde e poderá empregarse a liña 9 do autobús urbano para subir e baixar á Cidade da Cultura.

Ao día seguinte, venres, o escenario da Praza central do Gaiás será para Marrit, un rapaz vigués de 26 anos que obtivo o primeiro premio na categoría de música do certame Xuventude Crea impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Talento novo con raíces galegas que bebe das influencias clásicas do pop para experimentar guitarras, teclados e sintetizadores. Neste caso, o concerto dará comezo ás 21,00 horas.

O mellor da escena musical galega

Atardecer no Gaiás continúa no mes de xullo cunha selección do mellor da escena musical galega, desde os ritmos urbanos de 9Louro, o novo tradi de Maricarme, Unto Vello e Sheila Patricia, ata o contundente stoner-rock de Bala e o punk rock guerrilleiro de Lisdexia. A proposta musical enmárcase na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 actividades.

A décimo sexta edición do ciclo, que conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, programa catro concertos máis en agosto, o primeiro deles coa banda compostelá de noise-rock Dogo. Séguenlle dúas citas especiais, o exclusivo set que ten preparado o dúo de electrónica lugués Galician Army como banda sonora para o eclipse total de sol do mércores 12 de agosto, e a segunda edición do Atardecer Fest, unha xornada que se dedicará aos ritmos urbanos máis actuais o xoves día 13. O peche de Atardecer no Gaiás será o venres 14 de agosto co electropop crítico e festivo de Turista Sueca, un trío formado en Barcelona con raíces en Galicia, País Vasco e Andalucía.