A Fundación Cidade da Cultura e Escuela de Escritores, S.L. unen forzas para traer ao Gaiás Ler, Escribir, Crear: Curso Completo de Narrativa, un prestixioso programa formativo presencial deseñado para quen desexa facer da escritura un oficio, unha arte e unha procura estética.
Inspirado nos máis de 15 anos de experiencia do Máster de Narrativa de Escuela de Escritores —o primeiro programa destas características creado en España—, este curso combina a ensinanza das técnicas narrativas co análise textual. O obxectivo final é dotar ao alumnado das ferramentas necesarias para abordar con garantías a escritura dun libro de relatos ou dunha novela.
O acordo inclúe, ademais, unha estreita sinerxía cos proxectos de apoio ao talento literario do Gaiás a través da concesión dunha bolsa para que unha das persoas participantes na Residencia Literaria da Cidade da Cultura participe tamén no curso.
Datos prácticos
- Datas: De outubro de 2026 a xuño de 2027 (30 sesións).
- Horario: Mércores, de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, incluirá un seminario maxistral un sábado ao mes.
- Lugar: Espazo OFF - Centro de Emprendemento Creativo (Cidade da Cultura de Galicia).
- Modalidade: Presencial. Inscrición: Matrícula xa aberta (prazas limitadas).
- O curso divídese en tres trimestres estruturados en sesións semanais de tres horas (combinando 90 minutos de análise textual e 90 minutos de técnica narrativa). Os contidos van desde as técnicas de narrativa á especialización en relato breve e novela.
Claustro docente
As clases serán impartidas por un experimentado cadro de profesorado galego de recoñecida traxectoria no eido literario: as clases de análise textual serán impartidas pola escritora, ensaísta e crítica literaria Inma López Silva xunto á poeta, ensaísta e investigadora María do Cebreiro. Pola súa banda, as sesións de técnicas narrativas correrán a cargo de Ismael Ramos —poeta e escritor galardoado co Premio Nacional de Poesía Joven en 2022—, e dous referentes da novela negra, Arantza Portabales e Diego Ameixeiras.
Como complemento ás clases regulares, o curso ofrecerá sesións maxistrais con escritores de gran relevancia no panorama literario actual. Cristina Sánchez-Andrade, finalista do Premio Herralde de Novela e gañadora do Premio Setenil, entre outros recoñecementos, será a encargada de impartir a conferencia inaugural na Cidade da Cultura o próximo mes de outubro.
Tamén están confirmadas as clases maxistrais de autores de referencia como Pedro Feijoo (Premio Xerais de Novela 2023), Lucía Solla (galardoada cos premios Cálamo e El Ojo Crítico en 2025 e participante na III Residencia Literaria da Cidade da Cultura) e Javier Sagarna, director de Escuela de Escritores e membro da xunta directiva da Asociación Europea de Programas de Escritura Creativa.
Inscricións e matrícula
O prazo de matrícula xa se atopa aberto. As persoas interesadas en reservar a súa praza ou obter máis información sobre o proceso de inscrición poden poñerse en contacto a través da web de Escuela de Escritores.



