Este 15 de xullo agárdavos unha noite de verán para vivir as artes escénicas ao aire libre e sen medo á vertixe. Nace na Cidade da Cultura Noitear: unha proposta na que converxen a danza, as acrobacias, a música e o teatro físico nun programa onde se baila no abismo e se desafía a gravidade. Dende o solpor á medianoite, e cos exteriores do Gaiás como grande escenario, Noitear proponvos tres aclamados espectáculos cunha dramaturxia de risco, suspensión e confianza mutua.
20.30 h | «Carena», La Corcoles
A compañía catalá La Corcoles abre o programa da noite con CARENA, unha peza de circo contemporáneo que explora o equilibrio, a fraxilidade e a forza combinando precisión e unha poética visual moi persoal. Un arriscado solo de funambulismo onde a artista Mariona Moya desafía a vertixe sobre un cabo de arame suspendido a grande altura sen rede de seguridade.

Correr por unha crista esgazada dunha montaña, co baleiro aos dous lados. CARENA é a última viaxe cara ao acantilado, alá arriba onde os peregrinos deixan perpetuas as súas cruces, os xerpas as bandeirolas de cores en honra aos deuses, onde o osíxeno deixa de existir. CARENA é un duelo cunha mesma: un desafío a xogar, a traizoarse, a deixarse vencer pola mesma lanza que nos fai danzar.
- [Estrea en Galicia]
- Creación e dirección: Mariona Moya – La Corcoles
- Interpretación: Mariona Moya
- Premio 'Mellor estrea de Artes de Rúa' FiraTàrrega 2024
- Coprodución: Centre d’Arts Escèniques El Canal de Salt, Territori Creatiu FiraTàrrega 2024 e Festival Esbaiola’t
21.30 h | «Into thin air», Panama Pictures
A prestixiosa compañía neerlandesa Panama Pictures presenta no Gaiás o seu aclamado INTO THIN AIR, unha creación na que danza e acrobacia se funden nunha estética híbrida e cinematográfica, que xoga co límite entre o humano e o imposible. Esta peza de danza-teatro de gran formato combina movemento acrobático e unha escenografía arquitectónica monumental.

Varados nunha escaleira inclinada, tres intérpretes flotan no espazo, entregados os uns aos outros e a si mesmos. Nun momento case escorregan escaleiras abaixo, ao seguinte recuperan o equilibrio, explorando os límites deste espazo perdido sen ningún tipo de agarre. Ata que a gravidade se inclina e os seus corpos son guindados cara arriba. Aquí, nesta illa inestable por riba das nosas cabezas, aplícanse leis diferentes, e créase un xogo emocionante no que se fusionan acrobacia e danza.
- [Estrea en Galicia]
- Coreografía: Pia Meuthen
- Danza/Acrobacia: Francesco Barba, Yaniv Dagan, Candela Murillo
- Escenografía: Sammy van den Heuvel
22.45 h | «Ceibe», Fran Sieira Cía Danza
O peche deste Noitear chegará da man de Fran Sieira Compañía de Danza, cun pase moi especial de CEIBE que dialogará de xeito directo coa contorna arquitectónica do Gaiás. Unha proposta que afonda na danza galega contemporánea desde unha perspectiva renovadora, virtuosa e profundamente conectada coa tradición. A peza combina precisión técnica, musicalidade e unha lectura actual do patrimonio coreográfico galego para reivindicar a identidade, a tradición e a liberdade.

CEIBE investiga a relación entre xénero, tradición e baile tradicional e trata de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. Danza para rachar cos estereotipos impostos, arrastrar a normatividade cara ás marxes e construír novas formas de entender o corpo e o movemento.
- Dirección artística: Fran Sieira e Sergio R. Suárez
- Acompañamento de dirección: VACAburra
- Bailadoras e bailadores: María Montero, Aida Tarrío, André Adrio, Artur Puga, Patricia Sánchez, Martín Mondragón, Adela Otero, Cristina Canosa, Adrao Casal
- Música orixinal: MounQup (Camille Hedouin) / Carlos Quintá

