A tribo do Re— | EcoCampamento urbano de arte e natureza no Gaiás 2026

Este verán volve ao Gaiás A tribo do Re—: un espazo onde a rapazada aprenderá a re-utilizar o que xa non serve, a re-imaxinar futuros novos, a re-conectar coa natureza... e levará para a casa os petos ateigados de experiencias divertidas. Un campamento urbano de verán no que van querer re-petir!

Coa guía de monitorado especializado en proxectos didáctidos e actividades medioambientais, os nenos e nenas crearán a súa propia horta urbana, aprenderán sobre compostaxe de residuos orgánicos e descubrirán a variedade de especies animais e vexetais que medran na contorna de Compostela. Observaremos as aves do Parque do Lago, aprenderemos os nomes das árbores dos nosos montes, xogaremos a descubrir os insectos do Xardín do Teatro e pescudaremos as pegadas que deixan no Bosque de Galicia algúns dos seus habitantes miúdos: dende escornabois a esquíos ou pega marzas.

Non faltará o espazo para a creatividade —cun obradoiro de iniciación ao teatro onde a cativada experimentará con xogos de expresión corporal e contos dramatizados, improvisación e creación de escenas—  nin tampouco, por suposto, moito xogo e aventuras! Unha xincana ambiental, un baño de bosque e ata unha noite de acampada baixo as estrelas do monte Gaiás completan o programa da actividade.

A tribo do Re— propón unha oportunidade de conciliación para as familias que o precisen neste arranque do verán, sempre fomentando entre a rapazada valores como o vencello coa natureza, a igualdade, a curiosidade e espírito de descubrimento, a creatividade, a convivencia e traballo en equipo e o desenvolvemento dunha conciencia ambiental sólida.

2 QUENDAS A ELIXIR 

  • Do 22 ao 26 de xuño de 2026 [Agás o 24 de xuño, festivo]
  • Do 29 de xuño ao 3 de xullo de 2026

2 GRUPOS DE IDADE 

[30€ por semana para cada neno ou nena participante, +gastos de xestión]

As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10 a 15 horas, de luns a venres, e haberá tamén un servizo madruga, baixo demanda, desde as 8.00 h da mañá. Para facer uso deste servizo é necesario solicitalo cumprimentando este formulario.

Cronograma [*]

HORARIO LUNS MARTES MÉRCORES XOVES VENRES
8-10h SERVIZO MADRUGA [petisco incluído no servizo + xogo libre]
10-11.30h Xogos de presentación Actividades sobre reciclaxe de residuos e elaboración de compost con restos orgánicos Xogo e xincana ambiental Observamos aves na lagoa Pescuda de pegadas de animais
11.30-12h MERENDA [a cativada deberá traer da casa o petisco de media mañá]    
12-14h Crea unha horta urbana  Á procura de insectos! + Elaboración de ramos de flores de San Xoán [1º quenda] Xogo e actividades sobre igualdade Cantas árbores autóctonas recoñeces? Baño de bosque e actividade dos sentidos e plantas aromáticas e medicinais 
14-15h SAÍDA [xogo libre] 
19h-10h (da mañá seguinte)       (2) Acampada nocturna [grupo 8-14 anos]  

[*] Este cronograma está suxeito a variacións por cuestións organizativas ou meteorolóxicas.

(1) A actividade de recoñecemento e recollida de herbas de San Xoán realizarase só na primeira quenda, o 23 de xuño

(2) O grupo de 8 a 12 anos poderá participar nunha acampada nocturna no monte Gaiás, que se desenvolverá desde as 19h da tarde do xoves ata as 10 h da mañá seguinte, enlazando xa co horario de actividades do venres.

Importante 

  • É fundamental cumprimentar este formulario coa información complementaria requirida para o axeitado desenvolvemento da actividade.
  • As nenas e nenos participantes deberán traer unha pequena merenda para media mañá e unha botella de auga (cantimplora) que se poida reencher. O petisco do almorzo do servizo madruga está incluído. É imprescindible que se solicite o servizo madruga se se quere facer uso do mesmo e que se indiquen alerxias ou intolerancias alimentarias no formulario anteriormente indicado.
  • O campamento inclúe moitas actividades exteriores, polo que as crianzas deberán equiparse con calzado cómodo e pechado (evitar chancletas), gorra e crema solar.
  • Durante o campamento, poderán facerse actividades que impliquen manchar a roupa. Recomendamos traer roupa cómoda e entregar unha bolsa cunha muda e unha toalla de man para poder empregar en caso de necesidade. Esta muda quedará nas instalacións e só será necesario repoñela en caso de empregala.
  • No grupo de idade de 8 a 14 anos, as actividades do campamento inclúen unha noite (opcional) de acampada no Bosque de Galicia. Para esta actividade será necesario traer saco de durmir, esteira, utensilios de aseo e roupa cómoda e de abrigo (MOI IMPORTANTE). En caso de moi mal tempo, a actividade trasladaríase a un espazo interior da Cidade da Cultura de Galicia. A cea e o almorzo serán proporcionados no desenvolvemento da actividade. 
 
En familia