A Biblioteca de Galicia organiza, con motivo do Día da Diversidade Cultural, o espectáculo De ida e volta, unha proposta de narración oral con música e cancións ao vivo da man de Cris de Caldas e Amor Herrera.
De ida e volta afonda na migración galega, con especial atención aos procesos migratorios das mulleres, a través dun percorrido polos tránsitos desde Galicia cara a Cuba e polas conexións culturais e sociais entre ambos os países.
A peza combina poesía, música e cancións en directo para reivindicar a memoria como ferramenta imprescindible para comprender o noso pasado e construír un presente e un futuro máis humanos. Un espectáculo emotivo e íntimo que convida á reflexión e ao encontro entre culturas.