Danza e visitas especiais para festexar o Día dos Museos no Gaiás

Santiago de Compostela, 12 de Maio de 2026

A Cidade da Cultura súmase este ano á celebración do Día Internacional dos Museos cun programa de actividades que convidan ao público a mergullarse no Museo Centro Gaiás e nas súas exposicións cos cinco sentidos, e que inclúe tanto visitas guiadas especiais como danza no museo.

O sábado 16 de maio a artista e comisaria da exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, Mónica Alonso, conducirá dúas quendas de Segunda pel, unhas visitas de inmersión espacial que propoñen unha nova perspectiva sobre mostra. Nelas, o público asistente vestirá prendas monocromas iguais que se lles facilitarán ao inicio da visita para integrarse visualmente no espazo expositivo, xerando unha continuidade cromática que transforma a percepción e a relación coas obras.

A proposta parte da idea do vestido como extensión do corpo e inspírase en achegas da fenomenoloxía, a neuroarquitectura e a psicoloxía ambiental. A través da uniformidade visual, búscase favorecer a concentración, reducir distraccións e propiciar unha experiencia máis inmersiva, incorporando ademais unha dimensión case ritual no modo de habitar e percorrer a exposición.

Por outra banda, o domingo 17 de maio ás 19,00 horas, a sala da exposición Mundo expandido, entre o físico e o virtual transformarase acollerá unha función de danza da bailarina, coreógrafa e docente, Clara Ferrao. Titulada Corpos celestes, esta peza propón unha reflexión ao redor da violencia machista a través do corpo en movemento, construíndo unha linguaxe escénica que dialoga coas temáticas dunha mostra que afonda nos efectos da explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas e reflexiona sobre cuestións como a globalización, a hipervixilancia, a desigualdade, ou as identidades dixitais.

Por último, xa o domingo 24 de maio, será o propio edificio do Museo Centro Gaiás o protagonista dun percorrido comentado para descubrir os seus espazos polo miúdo. Encadrada no ciclo de visitas singulares Outra mirada, esta visita monográfica percorrerá desde os seus amplos espazos expositivos ata os seus depósitos de obra ou o gran montacargas con capacidade para elevar ata 11 toneladas.

Todas as actividades son de balde, previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.gal.

Gaiás inspira

As actividades do Día dos Museos na Cidade da Cultura encádrase en Gaiás_Inspira, unha liña de programación que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.