A Xunta acorda co British Museum exhibir por vez primeira en Galicia 200 pezas sobre culturas do Pacífico

Santiago de Compostela, 20 de Marzo de 2026

A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, vén de participar en Londres nunha reunión de traballo co British Museum para avanzar na organización da que será unha das grandes exposicións internacionais da axenda cultural deste ano: Voces do Pacífico.

Ao encontro asistiron a comisaria da mostra e conservadora interina de África, Oceanía e as Américas do British Museum, a doutora Julie Adams; a responsable de Alianzas e Exposicións Itinerantes Internacionais, Amanda Mayne; a responsable de Comunicación Estratéxica, Jane Parsons; e a xestora de exposicións itinerantes internacionais, Laura Snowling. Tras a xuntanza, a directora xerente da Cidade da Cultura destacou que, grazas a esta colaboración, Santiago de Compostela converterase nun dos tres destinos únicos en España nos que se poderá visitar a exposición, xunto a Madrid e Barcelona.

A mostra permitirá exhibir por vez primeira en Galicia 200 pezas sobre culturas ancestrais do Pacífico, procedentes dunha das coleccións máis relevantes do mundo. Esta valiosa escolma de obxectos históricos e obras de arte permitirá explorar a riqueza do océano máis grande do mundo, con más de 1.800 culturas e grupos lingüísticos diferentes, con illas tan abraiantes como Rapa Nui, Papúa, Nova Zelanda ou as Illas Marquesas.

Voces do Pacífico representa o primeiro acordo directo que acada a Xunta de Galicia co British Museum, institución coa que xa se colaborou no pasado en Faraón. Rei de Exipto -a mostra máis visitada da Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público-, máis naquela ocasión coa mediación da Fundación ‘la Caixa’.

“A confianza depositada polo British Museum participando nesta colaboración vén acreditar a capacidade de Galicia, e das súas institucións culturais, para acoller proxectos expositivos de primeiro nivel que sitúan a nosa Comunidade no circuítos dos grandes museos”, asegurou a directora xerente da Cidade da Cultura.

Diálogo entre océanos

A exposición enmárcase na antesala do programa cultural previo á celebración do Xacobeo 2027. Para o próximo ano, a Cidade da Cultura está tamén a traballar nun proxecto expositivo cunha potente dimensión internacional ao redor do Atlántico. “Queremos xerar un diálogo cultural entre os dous océanos máis grandes do planeta, lembrando deste xeito a natureza cosmopolita do Xacobeo”, remarcou Ana Isabel Vázquez.

Institución cultural de referencia

Fundado no século XVIII, o British Museum é hoxe unha das institucións culturais de referencia do mundo, tanto pola súa antigüidade e o seu prestixio como pola súa colección de máis de oito millóns de obxectos. Foi o primeiro museo nacional en abranguer todos os campos do coñecemento humano e hoxe continúa a encarnar os valores da ilustración propios da súa fundación, no que se refire a debate crítico, investigación científica, progreso e tolerancia.

O British Museum ten como obxectivo compartir a súa rica e diversa colección, xunto coa súa experiencia en comisariado, cun público global a través dun programa de exposicións itinerantes internacionais. Estas exposicións contan coa especialización de conservadores de prestixio mundial, expertos en restauración, científicos, xestores de proxectos e moitos outros profesionais do Museo que poden dar soporte á mostra en cada etapa do seu desenvolvemento.