O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente de Afundación, a obra social ABANCA, Miguel Ángel Escotet, inauguraron hoxe a exposición Outras historias posibles na sede de Afundación na Coruña. A mostra, que se pode visitar ata o 30 de maio, promove unha mirada máis diversa sobre a arte contemporánea galega a través das traxectorias de seis destacadas creadoras: Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré.
Durante a inauguración, o titular de Cultura da Xunta de Galicia, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, incidiu na relevancia dunha exposición que “procura enriquecer o relato da nosa historia da arte outorgando unha maior visibilidade a creadoras galegas ou conectadas a Galicia” e destacou a importancia de “construír discursos integradores que dirixan a ollada cara ao talento de mulleres como as protagonistas deste proxecto”.
A mostra, comisariada pola investigadora e crítica de arte Susana Cendán, pon así o foco en Ana García Pan (A Coruña, 1961), Emilia Guimeráns (Vigo, 1958), Anne Heyvaert (nada en Memphis en 1956, que desde 1994 reside en Oleiros), Tusi Sandoval (Pontevedra, 1954), Blanca Silva (A Coruña, 1951) e Laura Terré (Vigo, 1959). Todas elas son artistas que, por méritos propios de dedicación e talento, despuntaron especialmente na década dos anos 80 do pasado século e que nesta mostra tecen un relato que complementa e enriquece unha narrativa hexemonicamente masculina da nosa historia da arte.
López Campos apuntou tamén que “o proxecto quere celebrar a diversidade conceptual e estética como exemplo da riqueza da produción artística galega nas últimas décadas do século XX”. Nesta liña, Outras historias posibles recolle máis de 50 pezas e 40 documentos entre os que se atopan pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha das artistas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente.
Na exposición, inclúese tamén material audiovisual en forma de entrevistas a catro das artistas presentes na mostra, relatos que constitúen unha ollada máis persoal e un complemento de indiscutible valor para entender e ampliar coñecemento sobre cada unha delas.
As itinerancias expositivas da Cidade da Cultura
A mostra puido visitarse orixinalmente no polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia entre maio de 2024 e xaneiro de 2025, onde recibiu máis de 56.000 visitantes. Logo, itinerou ao Café Moderno Afundación en Pontevedra, chegando agora á sede de Afundación na Coruña, onde poderá visitarse ata o 30 de maio deste ano.
A iniciativa encádrase así no conxunto de itinerancias expositivas da Cidade da Cultura, sendo tamén unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía.
