A Cidade da Cultura de Galicia acolle este mércores un recital do poeta sirio Ali Ahmad Saíd Esber (ADONIS) promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co Centro PEN Galicia e mais coa Asociación de Escritores en Lingua Galega.
No marco da súa primeira visita a Galicia, un dos máis firmes candidatos dos últimos tempos ao Nobel de Literatura ofrecerá un recital de poemas orixinais e en tradución ao galego, da man da escritora Yolanda Castaño. O acto contará tamén coa participación dos escritores Luís González Tosar e Cesáreo Sánchez Iglesias, amais de coa presentación do poeta convidado por parte do profesor Claudio Rodríguez Fer. A música correrá a cargo da cantante galego-palestina Najla Shami, a quen acompañará o músico Pedro Pascual.
Adonis é o pseudónimo literario de Ali Ahmad Saíd Esber (1930), sirio de nacemento e libanés de adopción; un poeta, ensaísta e crítico que conta no seu haber cunha das obras máis prolíficas da literatura árabe contemporánea.
Licenciado en Filosofía pola Universidade de Damasco e doutorado pola de Beirut, a mediados dos anos cincuenta permaneceu seis meses na cadea acusado de pertenza ao Partido Nacionalista Sirio. Tras a súa posta en liberdade funda no Líbano o grupo poético Chi'r (Poesía) e a revista homónima, que suporá a entrada revolucionaria da poesía moderna occidental na lírica árabe. Os Cantos de Mihyar o de Damasco (1961) de Adonis constitúen a obra fundacional da poesía árabe moderna.
Vasto coñecedor da lírica árabe, cuxa lectura modernizou desde as bases renovando novos criterios artísticos, en 1973 aparece a súa grande obra teórica en catro volumes: O fixo e o movemento.
En 1984, a guerra civil libanesa obrígao a se instalar en París, onde reside na actualidade. Exerce a docencia en universidades de Suíza, de Alemaña ou dos Estados Unidos. A súa produción integra máis de vinte poemarios orixinais, outros tantos en tradución, xa ao francés xa a outras catorce linguas europeas –maiormente ao italiano, ao alemán e ao español- e seis orientais, que se suman a unha bibliografía na que constan numerosos ensaios, antoloxías e traducións. Unha inxente obra que o fai merecente de trinta e tres importantes galardóns literarios e de dous doutorados Honoris Causa, amais de reiterado candidato nos últimos anos ao Premio Nobel de Literatura.
| jpg | 317.69 KB |
