Pandora cambiou o mundo movida pola súa curiosidade. Así como ela, Begoña Caamaño transformou o mundo que nos contaron, imaxinando e reescribindo outros relatos. Porque mudar o relato é tamén unha forma de cambiar o mundo.
Así, a Biblioteca de Galicia acolle a estrea absoluta deste espectáculo de narración oral da man de Cris de Caldas, que achega ao público á vida e obra de Begoña Caamaño como unha homenaxe viva, revisitando os mitos que ela mesma reescribiu —Penélope, Circe, Morgana…— e tamén aqueles que non chegou a rematar, como Sherezade.
A través da palabra, o espectáculo confronta a versión tradicional destes mitos coa mirada única da autora, ofrecendo outras lecturas posibles: máis xustas, máis libres e abertas á imaxinación. Unha oportunidade para descubrir como a narrativa pode ser unha ferramenta poderosa para repensar historias e, con elas, o mundo que nos rodea.

