A Xunta leva a Guitiriz a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras de verbena en Galicia

Santiago de Compostela, 03 de Marzo de 2026 a Santiago de Compostela, 05 de Marzo de 2026

A  directora-xerente da Fundación da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, inaugurou hoxe a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que exhibe a evolución destas agrupacións desde principios do século XX ata a actualidade. O proxecto, que se enmarca dentro das itinerancias expositivas do Gaiás, pode visitarse no Campo da Feira de Guitiriz ata o 25 de marzo.

No acto de apertura, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que a mostra afonda nas transformacións históricas e culturais das formacións musicais populares galegas ao longo do tempo. Neste senso, destacou o grande impacto económico, social e cultural “dunhas agrupacións que mobilizan cada ano a milleiros de persoas, así como da influencia que teñen na música galega actual”.

Así mesmo, precisou que este proxecto nace dunha exposición que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. Na mesma liña, Ana Isabel Vázquez sinalou a importancia de “achegar esta mostra a toda a sociedade para pór en valor o legado cultural das orquestras de verbena na nosa Comunidade”.

Guitiriz convértese na cuarta vila galega en acoller a exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, nas que pasou por Ponteareas, Baiona e Ribadavia,  no marco do programa de itinerancias da Cidade da Cultura, que ten como finalidade levar a outros lugares de Galicia e España contidos culturais que se xestan no Gaiás. Ao respecto, cómpre lembrar que en 2025 realizáronse 11 proxectos que acadaron máis de 60.000 visitantes e que para este ano están previstas, a día de hoxe, 10 exposicións.

Un século de orquestras de verbena en Galicia

A mostra está baseada nun estudo da Universidade de Santiago titulado Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño e do que son partícipes Zósimo López e Henrique Neira, comisarios desta exposición. Cun deseño de Fausto Isorna, conta a evolución da verbena galega ao longo dun século amosando imaxes de programas de festas, fotografías e, sobre todo, carteis de estilos moi diferentes. A través destas pezas pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer arraigado en Galicia, cun tecido económico propio do sector, en constante desenvolvemento e innovación.

As verbenas galegas adquiriron personalidade propia ao longo do século XX, vendo como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron ritmos importados de América como o charleston, o fox-trot ou o jazz. A súa expansión consolidouse tras a Guerra Civil, coa recuperación das festas de barrios nos anos 40, e viviu un grande auxe nos 80 grazas á visibilidade da Radio Televisión de Galicia.

Nos anos 90, o sector afrontou unha crise marcada pola competencia das discotecas e macroconcertos, que obrigou ás orquestras a reinventarse cun enfoque centrado no espectáculo. Entre 2012 e 2019, adaptáronse aos gustos da mocidade e renovaron os seus formatos. A pandemia de 2020 supuxo un novo reto, pero tamén deu paso a propostas musicais que reivindican a verbena como parte esencial da identidade cultural galega.