Construír con aire | Gaiás en xogo 2026

Pódese vivir dentro dunha nube? Nesta proposta para miniarquitectos e miniarquitectas aprenderemos a construír con aire!

Os obradoiros de arquitectura inchable de Nuria Prieto propoñen unha experiencia familiar na que o espazo se converte en materia viva para explorar. A través de estruturas lixeiras, volumes de aire e formas que se transforman co movemento, descubriremos como a arquitectura pode ser un xogo compartido no que imaxinar, construír e habitar se volven accións espontáneas.

Un encontro que fomenta a creatividade, a experimentación e a colaboración interxeracional, permitindo que pequenos e maiores comprendan, de maneira intuitiva e divertida, conceptos básicos de equilibrio, escala, resistencia ou forma. Un espazo para sorprenderse e crear xuntos, onde o aire é o material principal e a imaxinación marca o límite.

Información de acceso

  • Acceso de balde con inscrición. Reserva a túa quenda!
  • De haber anulacións, as prazas dispoñibles publicaranse automaticamente na columna de reservas
  • Obradoiro concibido para realizar en familia: os nenos e nenas deberán estar acompañadas dunha persoa adulta responsable, que participará activamente da actividade e deberá tamén reservar praza 
  • IMPORTANTE: Na programación con reserva de praza requírese chegar cuns minutos de antelación para que a actividade inicie puntualmente na hora programada. As persoas con reserva que non comparezan á hora sinalada, perderán o seu dereito de acceso. A organización disporá desas prazas para que poidan ser ocupadas por outras persoas interesadas na actividade
  • Monitorado da actividade: Nuria Prieto
  • Prégase seguir en todo momento as indicacións do persoal responsable da actividade

Nuria Prieto

Nuria Prieto (Ponferrada, 1985), arquitecta e doutora pola Universidade da Coruña, especializada en arquitectura, rehabilitación e deseño expositivo. A súa traxectoria combina a práctica profesional coa investigación e a divulgación arquitectónica. Participou en proxectos recoñecidos internacionalmente, como o pavillón español Unfinished na Bienal de Venecia —gañador do León de Ouro— e o proxecto de investigación Gaza: A house for 1.5m in-habitants, xunto ao arquitecto Michael Sorkin. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre a docencia, a edición —como parte do equipo da revista Tectónica— e a creación de arquitecturas efémeras e experimentais, explorando o potencial pedagóxico e urbano das estruturas inchables.