Misteriosos retos e arrevesadas pistas agóchanse nos corredores da exposición Castelao. Mirar por Galicia... A vosa misión? Resolvelas todas para descubrir as palabras agochadas e formar con elas a mensaxe oculta que resume o espírito da mostra, e tamén a vida e o pensamento de Castelao.
Nesta xincana por equipos en formato 'escape room' atoparedes un feixe de enigmas para poñer a proba o voso enxeño, ao tempo que vos achegades dunha forma lúdica e inmersiva á figura e ao legado dunha das figuras máis senlleiras da historia de Galicia. Aceptades o reto?
Gaiás inspira
Castelao e as palabras agochadas está encadrada en Gaiás_Inspira, unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas tanto a público adulto como infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público, ao xogo, e á aprendizaxe compartida.
OLLO! Información importante para a reserva
- A actividade está concibida para público mozo e familiar e para realizar en equipos de entre 2 e 6 persoas. A idade recomendada é +12 anos.
- En caso de que algún/ha integrante do grupo sexa menor de 12 anos, deberá estar acompañado/a dunha persoa adulta responsable (que tamén forme parte do equipo que realizará a xincana).
- Cando realices a inscrición (nesta mesma páxina) debes cumprimentar os nomes de todas as persoas integrantes do equipo, cun mínimo de 2 e un máximo de 6 persoas por grupo.
O día da actividade, tende en conta que:
- PUNTO DE ENCONTRO: Á vosa chegada, dirixídevos ao mostrador de entrada do Museo Centro Gaiás, onde recibiredes as instrucións para a aventura, antes de subir á sala de exposicións.
- Para realizar a actividade é imprescindible que traiades un dispositivo móbil con batería cargada e acceso á rede, no que se recibirán as pistas e enigmas para avanzar na aventura.
- A duración da proba é dun máximo dunha hora, pero poderá ser moito menos dependendo do espelidos/as que sexades na resolución dos enigmas!

 
              