Unha morea de cartón de refugallo, un lugar público, e un feixe de rapazada creativa. Son os ingredientes do Desafío de cartón, unha actividade lúdica e educativa que fomenta a creatividade a través do xogo con cartón de refugallo. Nesta intervención efémera, a Praza Central do Gaiás énchese deste material para que persoas de todas as idades teñan a oportunidade de construír estruturas e xoguetes: a única fronteira é a vosa imaxinación!
O Desafío de cartón busca sensibilizar sobre a reutilización de materiais e o impacto ambiental do cartón como residuo. A partir deste material, e con ferramentas como tesoiras, adhesivos ou retallos de tea, as persoas participantes poden construír libremente, experimentar e transformar o espazo mediante o xogo e a intervención colectiva, nunha actividade aberta á creatividade espontánea e á cooperación.
Este proxecto está desenvolvido polo colectivo Basurama, dedicado á investigación e creación no ámbito cultural e ambiental, con especial atención á reutilización de materiais e aos procesos de transformación do espazo público. Desafío de cartón forma parte tamén da rede internacional Cardboard Challenge, que basea a súa metodoloxía na acción colectiva, promovendo a experimentación e a aprendizaxe a través do xogo. O seu enfoque céntrase na participación libre, na exploración da cidade e na promoción de valores como a horizontalidade e a inclusión.
