Que pasaría se puidésemos coñecer a Castelao cando era neno? Un rapaz de 8 anos, aventureiro, retranqueiro e cheo de imaxinación, xogando polos peiraos de Rianxo, debuxando máscaras de Entroido e escoitando historias da Santa Compaña dende o campanario. Esta obra achéganos a ese Daniel pequeno, que está a piques de marchar para Arxentina... pero antes, desaparece!
A Biblioteca de Galicia acolle esta proposta teatral co gallo do Ano Castelao: un espectáculo vibrante e cheo de humor dirixido por Fina Calleja e protagonizado por Mónica Caamaño e Cris Collazo. Unha peza pensada para público infantil que convida a participar activamente nunha historia chea de maxia e memoria.
A tensión dramática medra co reloxo: hai que atopar a Castelao antes de que zarpe o barco. A súa compañeira de viaxe é Baltasara, unha figura misteriosa que vive en todas partes e en ningures, e que nos guía por un percorrido máxico polos recunchos máis lendarios da vila. Entre xogos, palabras e debuxos, o neno Castelao deberá resolver os desafíos que lle agardan antes de cruzar o océano.
Un espectáculo divertido, trepidante e cheo de poesía visual que achega por primeira vez a figura de Castelao ao público infantil, poñendo en valor a súa creatividade, o seu amor polo país e a súa maneira única de mirar o mundo.

