Este verán no Gaiás súmate á tribo do Re—: onde a rapazada aprenderá a re-utilizar o que xa non serve, a re-imaxinar futuros novos, a re-conectar coa natureza... e levará para a casa os petos ateigados de experiencias divertidas. Un campamento urbano de verán no que van querer re-petir!
![]() |
![]() |
Coa guía de monitorado especializado en proxectos didáctidos e actividades medioambientais, os nenos e nenas crearán a súa propia horta urbana, aprenderán sobre compostaxe de residuos orgánicos e descubrirán a variedade de especies animais e vexetais que medran na contorna de Compostela. Observaremos as aves do Parque do Lago, aprenderemos os nomes das árbores dos nosos montes, xogaremos a descubrir os insectos do Xardín do Teatro e pescudaremos as pegadas que deixan no Bosque de Galicia algúns dos seus habitantes miúdos: dende escornabois a esquíos ou pega marzas.

Non faltará o espazo para a creatividade —cun obradoiro de land-art, onde a propia natureza nos inspira para crear pezas artísticas efémeras co que ela mesma nos ofrece— nin tampouco, por suposto, moito xogo e aventuras! Unha xincana ambiental, un baño de bosque e ata unha noite de acampada baixo as estrelas do monte Gaiás completan o programa da actividade.
A tribo do Re— propón unha oportunidade de conciliación para as familias que o precisen neste arranque do verán e tamén na primeira semana de setembro antes do regreso ás aulas, sempre fomentando entre a rapazada valores como o vencello coa natureza, a igualdade, a curiosidade e espírito de descubrimento, a creatividade, a convivencia e traballo en equipo e o desenvolvemento dunha conciencia ambiental sólida.
|
3 QUENDAS A ELIXIR
2 GRUPOS DE IDADE
[30€ por semana para cada neno ou nena participante, +gastos de xestión] |
As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10 a 15 horas, de luns a venres, e haberá tamén un servizo madruga, baixo demanda, desde as 8.00 h da mañá. Para facer uso deste servizo é necesario solicitalo cumprimentando este formulario.
Cronograma [*]
| HORARIO | LUNS | MARTES | MÉRCORES | XOVES | VENRES |
| 8-10h | SERVIZO MADRUGA [petisco incluído no servizo + xogo libre] | ||||
| 10-11.30h | Presentación e xogos | Obradoiro de compostaxe e actividade de land-art | Baño de bosque e plantas aromáticas e medicinais | Observamos aves na lagoa | Xogo e xincana ambiental |
| 11.30-12h | MERENDA [a cativada deberá traer da casa o petisco de media mañá] | ||||
| 12-14h | Crea unha horta urbana / Herbas de San Xoán (1) |
Á procura de insectos! | Teatro e igualdade | Cantas árbores autóctonas recoñeces? | Pescudamos pegadas de animais |
| 14-15h | SAÍDA [xogo libre] | ||||
| 19h-10h (da mañá seguinte) | (2) Acampada nocturna [grupo 8-14 anos] | ||||
[*] Este cronograma está suxeito a variacións por cuestións organizativas ou meteorolóxicas.
(1) A actividade de recoñecemento e recollida de herbas de San Xoán realizarase só na primeira quenda, o 23 de xuño
(2) O grupo de 8 a 12 anos poderá participar nunha acampada nocturna no monte Gaiás, que se desenvolverá desde as 19h da tarde do xoves ata as 10 h da mañá seguinte, enlazando xa co horario de actividades do venres.
Importante
- É fundamental cumprimentar este formulario coa información complementaria requirida para o axeitado desenvolvemento da actividade.
- As nenas e nenos participantes deberán traer unha pequena merenda para media mañá e unha botella de auga (cantimplora) que se poida reencher. O petisco do almorzo do servizo madruga está incluído. É imprescindible que se solicite o servizo madruga se se quere facer uso do mesmo e que se indiquen alerxias ou intolerancias alimentarias no formulario anteriormente indicado.
- O campamento inclúe moitas actividades exteriores, polo que as crianzas deberán equiparse con calzado cómodo e pechado (evitar chancletas), gorra e crema solar.
- Durante o campamento, poderán facerse actividades que impliquen manchar a roupa. Recomendamos traer roupa cómoda e entregar unha bolsa cunha muda e unha toalla de man para poder empregar en caso de necesidade. Esta muda quedará nas instalacións e só será necesario repoñela en caso de empregala.
- No grupo de idade de 8 a 14 anos, as actividades do campamento inclúen unha noite (opcional) de acampada no Bosque de Galicia. Para esta actividade será necesario traer saco de durmir, esteira, utensilios de aseo e roupa cómoda e de abrigo (MOI IMPORTANTE). En caso de moi mal tempo, a actividade trasladaríase a un espazo interior da Cidade da Cultura de Galicia. A cea e o almorzo serán proporcionados no desenvolvemento da actividade.
Corresponsables no Gaiás
A Cidade da Cultura está a consolidarse como un espazo cultural de referencia para todas as idades, incluíndo non só unha programación específica para gozar en familia, senón tamén un eixe estratéxico prioritario pensado para favorecer a conciliación cando as nais e pais máis o necesitan, isto é, nas vacacións dos centros educativos. O campamento urbano A tribo do Re— afonda nesta liña de traballo ofrecendo actividades que atenden a conciliación dun xeito transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados que promove a corresponsabilidade entre mulleres e homes.
A actividade forma parte do Plan Corresponsables, posto en marcha pola Xunta a través dun convenio de colaboración entre as consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude; de Educación, Ciencia, Universidades e FP e de Política Social e Igualdade para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica. En total, ao abeiro do Plan Corresponsables promovido pola Xunta desenvolveranse medidas de conciliación nos concellos galegos, ANPAS e entidades de iniciativas social, federacións deportivas e campamentos. O programa inclúe campamentos e obradoiros relacionados co ámbito cultural, actividades de animación á lectura e de reforzo educativo, entre outras, todas elas prestadas por persoal cualificado.



